María Mayán | Xefa do Grupo de Investigación CellCOM no Inibic da Coruña

“Os políticos deben invertir en ciencia, para non ser os perdedores da economía futura”

“Organizamos unhas xornadas para visibilizar aos investigadores que temos no estranxeiro”

A investigadora María Mayán.    // CASTELEIRO / ROLLER AGENCIA

A investigadora María Mayán. // CASTELEIRO / ROLLER AGENCIA / patricia hermida

A xefa do Grupo de Investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña coñece de primeira man o longo camiño polo que teñen que pasar os científicos galegos. Moitos desenvolven a súa carreira no estranxeiro, e por iso María Mayán decidiu impulsar en 2010 a Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero. Ata agora celebrábase na Coruña, pero neste Nadal apostou por viaxar a outras cidades galegas e tocoulle o turno a Vigo. Científicos galegos que traballan en países como Estados Unidos ou Reino Unido exporán os seus coñecementos, este martes en Afundación.

.

Unha xornada como esta amosa a realidade de que moitos investigadores optan por emigrar?

É unha tradición do noso país, temos moitos licenciados en carreiras de Ciencias e unha proporción importante fai o doutorado. Fórmanse en Galicia como investigadores, pero este país non lles dá unha oportunidade con continuidade porque hai pouca inversión en I+D+i. Acaban traballando en centros punteiros a nivel internacional. Estas xornadas serven para visibilizar o talento galego que traballa fóra, promover a colaboración entre os que marcharon e os retornados.

Precisamente a reunión celébrase nestas datas porque moitos voltan a casa por Nadal.

Cando estaba co postdoutorado en Londres, houbo unha xornada como esta en Madrid do Centro Nacional de Biotecnoloxía que me gustou moito. En 2010 decidín facer unha xornada anual na Coruña nestas datas porque o resto do ano era moi difícil xuntarnos. Este ano chega por primeira vez a Vigo, o próximo será en Santiago e o seguinte máis regresará ata A Coruña para visibilizar os distintos centros de investigación das tres universidades galegas. Os propios participantes agradecen esa visibilidade e cada ano nos sorprenden coa calidade dos traballos expostos.

Vostede tamén ten a súa experiencia de cando foi unha investigadora fóra do seu país.

A inversión de Galicia na investigación (I+D+i) non chega ao 1% anual, é moi baixa a nivel internacional e a nivel nacional tamén é das comunidades que menos invirte. Alemania adica case o 3,5% do PIB á investigación. Outros países como Dinamarca, China, EEUU ou Corea do Sur tamén adican máis do 3%. A inversión de España en I+D+i é do 1,4% e en Galicia non chega ao 1%. Cando me formei en Galicia había poucas oportunidades. Fixen a miña tese doutoral en Bioloxía no CSIC (no CIB Margarita Salas). Coa formación nun laboratorio punteiro fóra do teu país aproveitas as técnicas e infraestruturas máis novidosas, pero o ideal sería que despois puideses retornar. Despois da USC e do CSIC, formeime en Londres no Imperial College. Volvín como xefa de grupo junior, e cando pasei a xefa de grupo senior empecei a traer primeiro fondos nacionais para Galicia e despois fondos europeos.

Que amosou?

Con xente preparada, atraes un gran retorno económico. Aos políticos cústalles entender que a ciencia trae ese retorno económico (tampouco entenden o que se fai nos laborarios). É importante que en todas partes teñas a opción de traballar para xerar novo coñecemento e resultados, que podas crear fármacos tanto en Galicia, como en Madrid, Londres ou Xapón. Nunca sabes onde aparecerá unha idea rompedora que sexa útil para o futuro, como aconteceu coas vacinas contra a COVID. Por iso todas as rexións deberían invertir na investigación, porque ademáis obterán retorno económico. Cos fondos europeos que captas contratas a persoal e logras que regrese o seu coñecemento. Os políticos deberían ter paciencia e invertir en ciencia, para non ser os grandes perdedores da economía do futuro. Temos unha ciencia moi punteira e hai que apoiala, en vez de comprar o coñecemento fóra.

Onde traballan os participantes nesta cita do Cinbio e Inibic?

Son 20 charlas de xente chegada sobre todo de Inglaterra, Bélxica, Alemania, Estados Unidos. A maioría das ponencias son do ámbito biomédico, tamén hai de física ou pesca. Temos grupos que traballan non cancro de próstata, enfermidades cardiovasculares, neuroestimulación do cerebelo...

“A idade media dos xefes de grupo e profesores universitarios supera en Galicia os 55 anos”

Este encontro celebrábase sempre na Coruña e por primeira vez pasa a Vigo.

Queremos que se visibilice o traballo dos participantes en todos os centros de investigación galegos, e en cada universidade. Tamén é unha oportunidade para volver, para captar o seu talento.

Falta un auténtico plan de captación de talento para investigadores, por moito que nos enorgulleza ver que triunfan en países como EEUU?

En España temos moi poucos planes de captación de talento, como o Miguel Servet ou o Ramón y Cajal. En Galicia, podes captar con estes dous plans a catro investigadores ou como moito seis ao ano, pero non hai un plan real para captar talento como o Icrea de Cataluña ou o Ikerbasque de País Vasco. Non temos como nesas comunidades un plan para atraer investigadores que lideren grupos, desde que se eliminou o Isidro Parga Pondal no 2011. É un grave problema, porque insistimos en que a media de idade dos xefes de grupo e profesores universitarios supera os 55 anos en Galicia. En dez anos haberá moitas xubilacións, e hai que facer algo agora. Cando necesitas contratar a xente corres o risco de que sexa de forma pouco competitiva. Foi como na pandemia que non se fixo nada antes ata que nos atopamos con todo enriba. Se non hai plan e boa xestión, nos encontraremos sen grupos competitivos para un reemplazo xeracional eficaz na ciencia.

Que implica a falta de recursos?

Que teñamos tan poucos recursos en España e Galicia fai que o traballo sexa menos eficaz, porque pasamos moito tempo solicitando proxectos de investigación. Estamos sempre pedindo cartos. Todo cae sobre as costas dos investigadores que temos salarios precarios. A mala xestión do I+D+i fai que os novos perdan vocación, cando todos queremos vivir dignamente ou formar unha familia. Pode provocar que os novos non queiran facer a tese doutoral. Hai que invertir e poñer a xestores capacitados, falta unha profesionalización na xestión do I+D+i.

“Temos charlas con 20 galegos polo mundo”

Como é o formato destas charlas breves?

Desde hai uns anos, como tiñamos tanta xente nova agradecida pola participación, decidimos facelo todo máis ameno. Apostamos así por máis charlas en formato de flash presentation, que duran entre cinco ou sete minutos máis un tempo para preguntas. É deste xeito unha pincelada do que fan 20 galegos polo mundo.

Hai algunhas tan interesantes como a xenética aplicada a pesqueiras en Groenlandia ou causas xenéticas de múltiples nevus melanocíticos conxénitos. Moita aplicación práctica.

As charlas tamén valen para o público en xeral. Na Coruña se celebraban na Domus para unha sesión aberta, a sala estaba chea de científicos pero sempre abrimos ao público. Por exemplo, se queres coñecer algo do cancro de próstata tes este martes a un investigador que traballa en Padua (Italia). Os científicos estamos concienciados con que o traballo se aplique á sociedade.

Teñen unha votación para elexir a mellor intervención.

Ao final da sesión os asistentes das xornadas, en lugar de elexirnos nós a través dun grupo de investigadores, poderán votar pola mellor charla e tamén haberá dous accesits.

Serve de escaparate?

Cando acudes a un congreso queres ver o que se fai noutros sitios. Este encontro serve para abrir unha colaboración, para poder desenvolver os nosos proxectos e coñecer a 20 investigadores que traballan fóra. Tamén para atraer o seu talento, algo que facía a UDC cando as charlas se celebraban na Coruña. Xa se captaron varios investigadores destas xornadas con contratos Ramón y Cajal. Moitas veces queren volver e non saben como. Na selección dos participantes, David Posada (na organización desde Vigo) optou polos que primeiro se presentasen. A maioría son mulleres.

Suscríbete para seguir leyendo