A Casa Rosalía despide o ano co concerto de Su Garrido e a entrega do Premio Baltar

Su Garrido.   | // CASA DE ROSALÍA

Su Garrido. | // CASA DE ROSALÍA / Redacción

Redacción

Entre as numerosas despedidas do ano en Galicia, podemos quedarnos este xoves co concerto de Su Garrido na Casa de Rosalía. O mesmo día entregará o seu Premio Baltar. As actividades xa se iniciaron este martes cun obradoiro de planisferios con observación astronómica, e continuarán este mércores coa presentación do libro Tesouro espeleolóxico galego.

A despedida do ano na Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, xa é unha tradición. Nesta ocasión, o xoves contará coa cantora viguesa Su Garrido Pombo que presentará o seu novo disco Patios de luz. O estilo desta cantante, músico e compositora “abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin”. Entre os seus recoñecementos, figuran o Premio Narf da Deputación da Coruña. O concerto chegará ás 19.00 horas, e tamén se entregará o III Premio Baltar Feijóo de Ensaio e Investigación a Aurora Marco pola súa obra Irmandiñas (Laiovento, 2020).

Por unanimidade, o xurado salienta que Irmandiñas é un traballo “de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no periodo das Irmandades: a protagonizada por mulleres”. A peza contén “un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade”.