Comadre, elixida a Palabra do Ano 2022

O vocábulo gañador recibiu máis do dobre de votos que o segundo termo máis apoiado, que foi o de candorca

“Sol negro e campesiñas”, de Luís Seoane, 1973 (Colección da RAG), para a palabra comadre. |

“Sol negro e campesiñas”, de Luís Seoane, 1973 (Colección da RAG), para a palabra comadre. | / M. González

M. González

Comadre é o vocábulo elixido como a Palabra do Ano 2022 na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Trátase da proposta do grupo de escritura Comadres das Letras para poñer en valor o significado do termo máis alá da definición que ofrece o dicionario da RAG. Así, ademais das acepcións relacionadas co parentesco, na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. “Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres”, indican dende a RAG.

“É un logro colectivo porque se deu unha situación de implicación de persoas, e incluso institucións, bastante diversas e tivemos a sorte de que contamos coa forza do arraigo popular que ten a palabra, sobre todo en xeracións maiores e, de algunha maneira, foi unha proposta que tivo un calado máis aló incluso do que nos pensábamos”, indica Eva Teixeiro, unha das integrantes do grupo promotor deste vocábulo.

“Sol negro e campesiñas”, de Luís Seoane, 1973 (Colección da RAG), para a palabra comadre. |

“Sol negro e campesiñas”, de Luís Seoane, 1973 (Colección da RAG), para a palabra comadre. | / M. González

Comadre conseguiu ser unha das seis voces finalistas na votación popular. A idea partiu da proposta das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais, e prendeu con forza xa na primeira fase da elección, a da recolla de suxestións; xa na segunda, a determinante, acadou a complicidade da maioría das persoas que participaron na elección telemática. Conseguiu, de feito, máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, candorca, en referencia aos numerosos avistamentos de cetáceos que se produciron nas costas galegas o pasado verán, que provocaron máis dun susto entre os patróns de pequenas embarcacións de recreo.

O terceiro termo en votos foi ecocidio, seguido de resiliencia, autoestima e inflación.

Teixeiro móstrase agradecida con “todas as persoas que no seu momento decidiron que era a palabra que merecía a pena ser votada, o que tamén é unha mostra do que pretendiamos: crear un tecido de redes, neste caso cunha proposta concreta, asociada a unha cuestión lingüística, pero que buscaba mobilizar, darlle dignidade á palabra e a colaboración entre mulleres”, subliña.

“Estamos especialmente satisfeitas porque nós non nos atiñamos estritamente ós significados que recolle o dicionario da RAG, senón que constatabamos que existía un uso moito máis amplo, que foi o que se demostrou con esta mobilización”, engade. “E vémonos recoñecidas no feito de que na nota da RAG anunciando o termo gañador recóllese moi ben a idea que tiñamos e, incluso, vai máis alá, incorporando termos que fan referencia ó feminismo; se ve que, dalgún xeito estamos mudando cousas”, festexa. “O que nos interesa é revitalizar a palabra, que volva a ser empregada de maneira cotiá, e para o noso colectivo, que nos denominamos Comadres das letras, é unha festa que algo que dalgún xeito promovemos tivese este resultado porque fala moito das nosas propias redes, das propias relacións que vamos tecendo con outras persoas e de ata que punto demos cunha palabra verdadeiramente significativa, que enganchou á sociedade, non so ás mulleres”, remata, non sen antes poñer en valor ó “resto palabras finalistas que aludían a realidades importantes no mundo actual”.

Suscríbete para seguir leyendo