Adorarás a Chichi Campos

O gran cronista da Galicia dos 80 entra no Álbum de Galicia: “Unha reivindicación moi bonita da súa figura cando el cumpriría 70 anos”, indica o seu fillo Nico Campos

Retrato de Chichi Campos por Delmi Álvarez

Retrato de Chichi Campos por Delmi Álvarez / Delmi Álvarez

Con Chichi Campos sobran as palabras. Así ficcionaba unha das numerosas xornadas de manifestacións na Galicia dos 80, na crónica Un día de folga que di: Bautista Álvarez chora de emoción, abrazado a Paco Rodríguez: “Paco, hoxe estamos autodeterminados até as doce da noite. Alguén intenta conducir un piquete a Bonaval e levar o sartego de Castelao á Praza do Obradoiro: “Se Daniel vivise estaría hoxe connosco”. Se Daniel vivise ía ter traballo abondo: pola tarde lendo o comunicado conxunto no Obradoiro. Pola noite en rolda de prensa e logo negociando co governador desde Raxoi.

Chichi Campos co seu fillo Nico e Anciñas Ripoll.   | // NICO CAMPOS / CCG

Chichi Campos co seu fillo Nico e Anciñas Ripoll. // NICO CAMPOS / CCG / patricia hermida

O ano cultural de 2022 queda marcado polo redescubrimento do gran cronista que foi Xesús ‘Chichi’ Campos (La Laguna, Santa Cruz de Tenerife, 1952 - Santiago de Compostela, 1991). O artiguista galego máis elegante e irónico dos 80, que acaba de entrar no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega). Os seus escritos, recopilados en Estampas do mundo elegante, deberían presidir a mesiña de noite de todo xornalista: nun altar, xunto co móbil e a infusión relax. O seu fillo Nico Campos, autor da biografía no Álbum, conta a este diario que “é unha honra que o Consello da Cultura Galega se dirixa a min a través de Anxos Sumai para escribir esta entrada, que coincide co documental Chichi e máis eue o libro recopilatorio, é unha reivindicación moi bonita do meu pai que o pasado luns cumpriría 70 anos”.

Especial currículum vitae de Chichi Campos

Especial currículum vitae de Chichi Campos / Nico Campos / CCG

Antes de marcharse demasiado cedo, como unha estrela fugaz, Chichi Campos impulsou a revista de cómic en galego A Cova das Choias, militou no Partido Comunista de Galicia, puxo en marcha a galería Sargadelos en Santiago, escribiu en xornais como A Nosa Terra ou El Correo Gallego, traballou en clásicos oitenteiros da TVG como Entre Nós ou Adiviña quen vén esta noite. Morreu aos 39 anos vítima da sida. Deixou unha compañeira (Ángeles Anciñas Ripoll), un fillo, numerosos escritos e debuxos cheos de acidez e tenrura polo seu mundo.

Outra estampa da familia.   | // ARQUIVO NICO CAMPOS

Outra estampa da familia. // ARQUIVO NICO CAMPOS / patricia hermida

“Con este recoñecemento iniciaremos o Ano Campos, no que presentaremos o documental e unha exposición na Fundación Luis Seoane”, indica Nico Campos, con desexos de que “a súa obra perdure tras tantos anos de reivindicación”. Unha obra que xa é un clásico como ese Un día de Folga, que continúa así: Vigogrado, doce da mañá. O comisario Eduardo Fernández con gorro de astracán da segunda planta do Corte Inglés, da exposición ‘La URSS en Vigo’, pasa revista aos piquetes.

Máis de mil debuxos na recámara

“Este luns 26 de decembro, meu vello cumpriría 70 anos se non fose porque morreu hai case 32 anos (un motivo bastante xustificado); a entrada no Álbum de Galicia inicia toda a serie de homenaxes que chegan para este 2023 como o documental que rodamos este ano e que estrearemos nuns meses”, celebra Nico Campos. Considera que “Chichi Campos leva demasiado tempo en barbeito, hai que darlle vidilla así que queda inaugurado este pantano”.

O que máis lle gusta é que “a figura do meu pai non se perda, porque amosou que é posible facer as cousas doutro xeito: Galicia non é sempre o que parece, hai sitio para outras visións”. Nico, adicado ao audiovisual e creativo como o seu pai, recalca que “levamos moitos anos intentando reivindicalo e por fin dá os seus froitos, queremos que a súa obra perdure outros 30 anos”. Na exposicion na Fundación Luis Seoane atoparemos “moita obra inédita, na catalogación achamos máis de mil debuxos e non sei cantos artigos e guións, asusteime co prolífico que era para o pouco que durou”.

Suscríbete para seguir leyendo