Quen quere devorar un libro?

Catro editoriais galegas elixen para este diario as 16 publicacións máis recomendables para regalar a nenos e adolescentes de cara aos Reis Magos

Quen quere devorar un libro?

Quen quere devorar un libro? / 'O retrato de Arthur Gordon Pym' de Edgar Allan Poe (Aira Editorial)

Existiron algunha vez os vampiros de libros? Polo menos sobrevoaban os ceos naquel programa chamado Planeta Imaginario, cando as tardes da segunda cadea de TVE andaban adicadas ao público infantil máis vangardista. E cos afiados dentes caninos trababan nas novelas ata convertilas en papel en branco. Con toda a tinta chupada, como sangue. Ese sería o soño de todo bibliófilo ou bibliófago. Para os máis novos de todos eles, nenos e adolescentes que len cunha linterna baixo as mantas, catro editoriais galegas elixen 16 recomendacións dos seus catálogos. Poderemos atopalas nas librarías, listas para gardar no armario ata o día de Reis.

Quen quere devorar un libro?

'A cidade máxica' de Edith Nesbit (Hércules de Ediciones) / patricia hermida

Aira Editorial

As catro editoriais galegas aparecen por rigurosa orde alfabética. E empezamos con Aira Editorial, que comanda César Lorenzo Gil. O seu listado encabézase cun clásicodo escritor gótico norteamericano por excelencia: “O relato de Arthur Gordon Pym,de Edgar Allan Poe, pode ser para rapaces de a partir de 15 anos”.

'O relato de Arthur Gordon Pym' de Edgar Allan Poe (Aira Editorial)

'O relato de Arthur Gordon Pym' de Edgar Allan Poe (Aira Editorial)

Trátase dunha “novela de aventuras ideal para adolescentes, cando queres ler máis libros misteriosos e ademáis axudará a entrar no mundo de Poe (que por certo é un autor moi de adolescencia)”.

Quen quere devorar un libro?

'Mitos e lendas da vella Grecia' de Anisia Miranda (Editorial Galaxia) / patricia hermida

A partir de oito anos, atopamos Gazafellos 2. Como explica César Lorenzo, “é un cómic de Fon que combina amor con aventuras, con personaxes carismáticas e que ademáis forma parte dunha serie”. Un dos éxitos dos últimos tempos é a Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños (o propio Lorenzo Gil) e Jorge Campos: “Cando fixemos este atlas pensabamos en nenos de oito anos, pero é máis transversal pois pode venderse para nenos que non saben ler porque ten bonecos e pasa por toda a familia”. É dicir, “por experiencia de venda, xa con catro anos hai fame sobre este libro”.

Quen quere devorar un libro?

'Cicuta para dous' de Rocío Leira (Edicións Xerais) / patricia hermida

A proposta de Aira complétase con Animais míticos do Camiño de Santiago, tamén de Cequeliños e Campos. “Aquí necesitas ter xa oito anos, porque está máis especializado para rapaces aos que lles importa o mundo do misterio... e tendo en conta o revival dos mitos a través de Harry Potter e Percy Jackson”, di.

Hércules de Ediciones

A directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez, elixe en primeiro lugar do seu catálogo A chave do Tamaño de Monteiro Lobato. “É para nenos aos que lles gusta entender o mundo, fai unha reflexión sobre a guerra e a paz moi adaptada aos tempos actuais sobre todo polo que pasa en Ucraína”, explica a editora sobre un libro recomendado a partir dos 11 anos. A partir de 12 anos, pode regalarse A cidade máxica de Edith Nesbit: “Vai destinado a nenos cunha gran imaxinación, para fantasear sobre outros mundos aos que viaxar”.

Na memoria da heroína coruñesa chega María Pita e o pirata, de Estefanía Padullés. “Ideal para nenas e nenos a partir dos oito anos, aos que lles guste aprender sobre unha figura histórica tan importante para a súa cidade... tamén os non coruñeses coñecerán máis sobre unha muller valente e decidida, un exemplo para todos”. E para amantes de guitarras eléctricas e ollos pintados chega Isto é rock de Javier Becerra con ilustracións de Catuxa Alonso. “Para os amantes da música o libro ensinará os estilos da historia do rock, cos que descubrirán artistas e cancións, e para que os familiares compartan cos nenos as vivencias que teñen asociadas a esa música”, indica Laura Rodríguez sobre un libro recomendado a partir de seis anos.

Editorial Galaxia

Desde Editorial Galaxia, o seu director Francisco Castro recomenda en primeiro lugar Un ollo para ler de Alicia Suárez. “En fórmato álbum, este libro para primeiros lectores (de seis a sete anos) fala da importancia da imaxinación e da lectura, axuda aos rapaces a ser menos dependentes dos pais”, indica. Xa para oito ou nove anos vai Fortunato quere ir á lúa de Carlos López: “Para moi novos pero xa cun compoñente de aventura, retranca, xogo da linguaxe”.

Hoshi, a voz da pedra fósil, escrito por Brais Babarro Fernández, ofrece “ciencia ficción xuvenil, de 12 a 16 anos, calquera adolescente estará ligado á historia dun rapaz con problemas de socialización que só xoga online”. E Mitos e lendas da vella Grecia foi escrito por Anisia Miranda e traducido ao galego polo seu marido Xosé Neira Vilas: “Miranda pensou nun lector novo, de 12 a 16 anos, pero o seu xeito de abordar os mitos pode chegar a calquera adulto”.

Edicións Xerais

Sara Vila Alonso, responsable de comunicación de Edicións Xerais, inicia as súas recomendacións por O neno de lume de Ledicia Costas (Premio Merlín en 2021 e publicado en marzo de 2022): “A partir de dez anos, recorda aos contos clásicos infantís; con moita maxia explica fenómenos meteorolóxicos como a chuvia, a néboa, o sol”. Á editorial tamén quere recordar de Ledicia Costas A lebre mecánica, coa que gañou o Lazarillo para convertirse na escritora española con máis premios en infantil e xu venil. Unha nova dimensión é o primeiro libro de Anxo Iglesias (Merlín 2022), “e ten a peculiaridade de usar a poesía para o público infantil, segunda vez que este xénero gaña o Merlín”. Explica Sara Vila que “as lecturas poéticas poden dar medo aos nenos pero aquí van para maiores de dez anos, explora as dimensións, o espazo e o tempo”, ilustrado por María Montes.

Un elefante na sala de estar de Berta Dávila (Premio Jules Verne 2021 e publicado en marzo de 2022) “narra un tema moi delicado pero que é necesario abordar como o suicidio, con varias voces que falan sobre Rosa... unha muller que se mata e que ao final tamén sae no libro(maiores de 15)”. Por último Cicuta para dous de Rocío Leira (Jules Verne 2022) “é unha obra de intriga que axuda a descubrir un crime antes de que se cometa, coa investigación dun filósofo e a súa escritora”. Unha novela que se inicia cun anuncio nun xornal, a partir dos 13 anos.

Suscríbete para seguir leyendo