ANUARIO 2022

Un ano Tanxugueiro, un ano dionisíaco: ailalalá, ailalalá

Galicia arrasa no 2022 a nivel de música, letras e audiovisual; desde o exitazo do trío de cantareiras ata o bum que non cesa en cine, series e literatura

O concerto das Tanxugueiras no Festival do Noroeste na Coruña, este verán.  | // CARLOS PARDELLAS

O concerto das Tanxugueiras no Festival do Noroeste na Coruña, este verán. | // CARLOS PARDELLAS / PATRICIA HERMIDA

Ailalalá, ailalalá, ailalalá, ailalalá… Nunca un aturuxo chegou tan lonxe. Desde o éxito popular no Benidorm Fest (aldraxe incluído), ata os concertos internacionais. Pasando polos colexios, onde Terra acabou transformada nun auténtico himno xeracional. As Tanxugueiras reinaron no ano da reapertura cultural, coas máscaras xa fóra dos cinemas, teatros e concertos. Regresou a vida con forza nunha sorte de novos Tolos Anos 20: coa febre trasladada ás celebracións, despois da pandemia. E pechamos así entre burbullas o 2022: Ano Tanxugueiro, Ano Dionisíaco.

O arrase das Tanxugueiras ten como data principal ese 30 de xaneiro no Benidorm Fest, cando logrou o voto masivo do público aínda que o xurado decantábase por facer eurovisiva a Chanel. Retomábase unha vez máis na historia galega o concepto de aldraxe, xa cociñado nas semifinais cando as redes ardían entre o éxito masivo das galegas e a rabia ante a aposta dos xuíces polo SloMo. Entre a carraxe e a carretaxe, como manda a tradición.

Este 2022 cantouse, escribiuse e interpretouse en feminino. Mesmo con olladas inmortais como a de María Casares. Celebrouse o centenario da gran actriz galega (A Coruña, 1922-Alloue, 1996). Residente privilexiada en Francia segundo as súas propias palabras, filla dun represaliado como Santiago Casares Quiroga (presidente do Consello de Ministros na II República), dama da actuación, amante do amor. En torno á súa figura choveron biografías, exposicións, comics e pezas audiovisuais.

Precisamente, o audiovisual galego avanza na súa idade dourada con producións multipremiadas como a serie Rapa; películas rodadas en Galicia e chamadas a convertirse en clásicos como As Bestas; e actores que acumulan galardóns e candidaturas como Luis Zahera (As Bestas), Luis Tosar (En los márgenes), Javier Gutiérrez (Modelo 77) ou Nerea Barros (La novia gitana).

Nas letras, os galardóns chegaron co Premio Nacional de Narrativa a Marilar Aleixandre pola súa obra As malas mulleres (Galaxia). Ledicia Costas convertiuse na primera persoa en gañar tres veces o Premio Lazarillo de Literatura Infantil y Juvenil, nesta ocasión con A lebre mecánica. E Ismael Ramos levouse o Premio Nacional de Poesía Joven 2022 co poemario Ligero.

Antes de entrar no ano 2023, tamén nos despedimos para sempre dun grandísimo escritor como Domingo Villar (autor dunha triloxía supervendas que marchou demasiado novo), ou dunha intelectual brasileira filla de emigrantes galegos como Nélida Piñón, entre moitos outros.

Suscríbete para seguir leyendo