O Ano Francisco Fernández del Riego arrinca hoxe na súa vila natal de Lourenzá

Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego. / REDACCIÓN

RAC

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, pronunciará hoxe en Lourenzá (Lugo), localidade natal do autor do Día das Letras Galegas 2023, o discurso da inauguración do calendario de celebracións en torno a Francisco Fernández del Riego, unha cita organizada pola Mesa Coordinadora don Paco e o Concello de Lourenzá. Será no salón de actos municipal (17.00 horas), onde deseguido se presentarán a exposición 110 anos de Del Riego e un calendario biográfico.

“Trouxéronme ao mundo dos vivos un 7 de xaneiro do 1913. Xusto cando ían de retirada os Reis Magos”, conta Francisco Fernández del Riego en Camiño andado, as memorias que publicou no ano 2003, xa con 90 anos ás costas. Don Paco rememora nestas páxinas autobiográficas a vida tranquila da infancia en Vilanova, no concello lugués de Lourenzá. Este sábado, a retirada dos reis de Oriente no lugar que viu nacer o protagonista do Día das Letras Galegas 2023 dará paso á apertura do ano dedicado ao fillo ilustre. O cativo que alternaba a lectura cos baños no Pozo da Ola e outros xogos cos rapaces da vila sería co tempo “unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil”, resume o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na tribuna de presentación da sección da páxina web da institución dedicada a Del Riego. A través da súa vida, “este 2023 ofrécenos a oportunidade de visitar feitos moi significativos da cultura e da historia do galeguismo do século XX, con proxeccións cara ao século XXI”. “Haberá que organizar e sistematizar con xeito a información dunha figura tan rica e tan lonxeva (97 anos), pensando sobre todo nas novas xeracións”, reflexiona.