Ledicia Costas: “O poemario ‘Ultraluz’ recolle todo o meu imaxinario, o meu universo”

A escritora recibe o Premio de Poesía Afundación

Ledicia Costas, entre Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura.  | // JOSÉ LORES

Ledicia Costas, entre Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. | // JOSÉ LORES / M. González

M. González

Ledicia Costas, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación, recibiu onte o galardón pola súa obra Ultraluz, que en palabras do xurado (formado polos escritores Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián e Luciano Rodríguez e o seu secretario e presidente Xabier Castro Martínez e Luis González Tosar) é “un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ó noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción”.

Pola súa banda, Costas califica este poemario de “ledicísimo”, onde imprime a súa “marca persoal”. “Esta obra supón o meu regreso á poesía despois de máis de 10 anos sen publicar un libro de poemas e recolle todo o meu imaxinario, elementos da cultura pop que para min son tan importantes. Gústame definir este libro como unha especie de bosque cheo de criaturas de todo tipo, de vexetación, da importancia da terra, o meu apego á natureza...”, enumera. “Quen lea o libro tamén vai atopar películas que para min foron moi importantes”, sinala, e engade: “Creo que non me equivoco se digo que escribín un libro de poemas de fantasía, destes experimentos que me gusta facer a min na literatura”. A obra preséntase baixo o lema Kodama, que son eses espíritos da mitoloxía xaponesa que habitan nos bosques. “Hai Kodama, Demogorgon, Alien... Está aí todo o meu universo”, insiste. “Ultraluz fórmase “arredor dunhas sombras, duns pensamentos intrusivos contra os que, por veces, non sabemos como pelexar”, dixo tras recibir o galardón.

Ledicia Costas tivo onte a oportunidade de presentar o seu libro en sociedade. “Cando anunciaron que gañara o premio aínda non existía en formato físico; agora xa existe, acaba de chegar hai cousa duns días nunha edición de luxo preciosísima”, festexa. O galardón, que implica a publicación do libro na colección “Arte de trobar” e unha dotación económica de 6.000 euros, convocado por Afundación, a Obra Social de Abanca, co patrocinio da Xunta e a colaboración do Centro PEN de Galicia, foille outorgado entre 32 obras inéditas presentadas. “Este é un premio de moitísimo prestixio, ó que lle teño moito respecto, porque gañárono poetas moi importantes ós que eu admiro e era algo que tiña pendente: escribir un libro de poemas, que é un xénero que me fascina. Ó final entreguei a miña vida á narrativa e tiña como esa espiña de non escribir poesía dende hai tanto tempo. Cando tiña o libro rematado e vin a convocatoria do premio, aínda que dubidei por esa mezcla de fantasía e poesía, decidín probar, foi como meter un barco de papel nunha botella e ver onde chegaba. Sei que se presentan obras de poetas de grandísima calidade así que a alegría é dobre”.

Suscríbete para seguir leyendo