Nabiza Girl pasa ao papel

A personaxe de Isabel Risco conta co seu primeiro cómic, a aventura ‘Operación Breogán’, debuxado por Manel Cráneo e coguionizado por Carlos Ares. Preséntase este xoves no Orzán

Unha páxina de ‘Operación Breogán'.

Unha páxina de ‘Operación Breogán'. / Gemma Malvido

Algunhas veces Nabiza Girl ten que actuar cando menos o espera e botarlle unha man a quen sempre lle dá vida, a actriz Isabel Risco, pasoulle esta semana, cando misteriosamente quedou pechada no coche e non podía saír e moitas outras máis, que non son para contar aquí. Operación Breogán é o primeiro cómic que recolle as aventuras de Nabiza Girl, unha personaxe coa que Isabel Risco leva xa varios anos traballando e que a ten levado polos escenarios máis insólitos. “Teño actuado sobre alpacas de palla”, lembra, agora que está a piques de se presentar este traballo editorial que naceu da súa colaboración co debuxante Manel Cráneo e co guionista Carlos Ares. Será este xoves 16, ás 20.30 horas, no bar Sanín, na rúa do Orzán, que é o seu “cuartel xeral”.

Nabiza Girl pasa ao papel

Nabiza Girl pasa ao papel / Gemma Malvido

“Eu sempre buscaba a maneira de darlle unha volta a Nabiza Girl, de abrir novos vieiros polos que puidese ir, por exemplo, ocorréuseme que tivese merchandising, eu tiña a idea de facer un videoxogo, pero, polo de agora, aínda non se deu a ocasión e, pensando en que máis podería facer, xurdiron as axudas do Xacobeo 21-22 para proxectos culturais, entón, fixemos uns capítulos dunha webserie e despois, unha segunda quenda. Nestes, que se poden ver en YouTube, colabora xa Carlos Ares e hai máis colaboracións”, relata Risco. O do merchandising foi doado de levar adiante, xa que contou coa axuda da empresa coruñesa Imprime3de, que deseñou todo tipo de chaveiros, brazaletes, alfaias e fouciños para que Nabiza Girl, esta superheroína que anda con zocas, puidese estar máis presente na cidade.

Nabiza Girl pasa ao papel

Manel Cráneo e Isabel Risco, cos primeiros exemplares do cómic de Nabiza Girl. / MARTA HORJALES

Man a man con Carlos Ares, nesta segunda tanda de episodios da webserie, empezaron a pensar, outra vez, que máis poderían facer con Nabiza Girl? E puxéronse a traballar, sen saber moi moi ben se algún día se farían realidade, nos guións dun cómic protagonizado por esta intrépida moza, que acabou compartindo escenas con outros heroes e heroínas reais, como poden ser os mariñeiros Serafín Mourelle (xa desaparecido) ou Xosé Iglesias.

Niso estaban cando saíron as axudas do Concello para a creación cultural, así que, buscaron a colaboración do debuxante Manel Cráneo para levalo ao papel e, como dixo que si, agora esta Operación Breogán é xa unha realidade palpable.

Manel Cráneo, implicouse moitísimo, para min é un orgullo que fose el quen ilustrase a Nabiza Girl xa non só porque sexa un referente no eido da banda deseñada, senón por como traballou no proxecto”, relata Isabel Risco.

A idea, agora, é que este cómic, editado como un fanzine, coa capa branda e ao estilo dos coleccionables, voe pola cidade, que poida ser presentado nas bibliotecas municipais, nos centros culturais e escolares e, quen sabe, se tamén pode ser semente para novas aventuras. “A tirada é de duascentas copias, así que,van ser repartidas nos centros”, explica Risco, que destaca que o cómic está “cheo de referencias á Coruña, a lugares emblemáticos, como o depósito de auga de Monte Alto ou o Obelisco” e que está feito co punto de partida do humor, e co afán de reivindicar a muller rural e para amosar que as superheroínas non teñen que vir de lonxe.

Suscríbete para seguir leyendo