A Primavera das Letras achega os nenos á figura de Francisco Fernández del Riego

Unha obra teatral contará nos colexios a vida do protagonista das Letras Galegas

Imaxe do acto no colexio Juan Rey de Lourenzá, onte.   | // RAG

Imaxe do acto no colexio Juan Rey de Lourenzá, onte. | // RAG / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O colexio Juan Rey de Lourenzá, a terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, acolleu onte a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o espazo virtual que a Real Academia Galega dedica ao público infantil. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable do proxecto, Fina Casalderrey, visitaron o centro acompañados de Eva Mejuto e Lucía Cobo. A escritora e ilustradora asinan As cousas de don Paco, unha obra teatral infantil, para ler e para que representen os nenos e nenas, na que o lapis Donlapis, o reloxo Baldomero, a cámara de fotos Leica, a máquina de escribir Oliva e a lupa Guadalupa de Francisco Fernández del Riego son os encargados de achegar os nenos e nenas á figura do protagonista do vindeiro 17 de maio.

Alén da obra teatral, a páxina primaveradasletras.gal ofrece, entre outros recursos, actividades interactivas que irán medrando ata o mes de maio e fichas para colorear sobre Del Riego. Convocarase ademais, coma nas edicións anteriores, o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras.

A presentación de Primavera das Letras desenvolveuse no único colexio de infantil e primaria do concello lugués de Lourenzá, onde Francisco Fernández del Riego naceu en 1913. O alumnado de 5º agasallou os convidados cunha divertida sorpresa tamén con forma de obra de teatro sobre a vida de Paco.