Falece o escritor e membro da RAG Salvador García-Bodaño

O autor estaba moi vencellado a Santiago, onde morreu aos 87 anos | A súa capela ardente instalarase hoxe no Museo do Pobo Galego

Salvador García-Bodaño. |   // ARQUIVO DA RAG

Salvador García-Bodaño. | // ARQUIVO DA RAG / E.C.

E.C.

Fontes próximas á familia confirmaban onte a El Correo Gallego, do mesmo grupo editorial que LA OPINIÓN, o pasamento do intelectual Salvador García-Bodaño na súa residencia de Teo. Nado no barrio vigués de Teis, con tan só un mes de idade García-Bodaño trasladouse coa familia a Compostela, cidade na que se formou intelectualmente coa influencia de Carlos Maside e Ramón Piñeiro. Así o contaba el mesmo na súa páxina web: “Para min todo comezou na cidade de Vigo, é dicir, alí se iniciou todo ese minucioso e abrumador relato existencial, máis curto ou máis longo, máis ou menos feliz, do que non se libra ninguén (...) direi, cunha maior precisión, que o feito de eu saír a esta vida (...) tivo lugar en Teis, no número 121 antigo da rúa de Sanjurjo Badía, na media noite do dezaseis ao dazasete dun mes de xullo de hai xa un disparate de anos, poñamos, sen a menor dúbida, que a data foi a de 1935... Cando nin contaba un mes, os meus pais leváronme para Compostela (...) e, naturalmente, por entón eu andaba moi lonxe de saber que había de ser escritor”.

Salvador García-Bodaño formou parte do nexo iniciador da histórica Xeración das Festas Minervais xunto a grandes das nosas letras como Uxío Novoneyra, Manuel María, Xohana Torres ou Méndez Ferrín. De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, colaborou en diferentes revistas, como Teima, e en volumes de homenaxes, realizou numerosas colaboracións literarias e mantivo unha intensa produción xornalística.

É autor de sete libros de poesía, entre eles Tempo de Compostela (1978), traducido ao italiano e recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Santiago foi tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. García-Bodaño cultivou ademais o ensaio e traduciu ao galego obras como Viaxe por Galicia,1837, de George Borrow (1993). Ademais da creación, García-Bodaño exerceu a crítica literaria e de arte, así coma o xénero biográfico profundando na obra e na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira.

A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria. Nos anos 60 coordinou a sección Páxina de Letras de El Correo Gallego, onde máis adiante mantivo durante moito tempo a columna dominical No pasar dos días sobre temas culturais e de actualidade.

A proposta de Antón Fraguas, Constantino García e Andrés Torres Queiruga, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1992, pronunciando o discurso Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, respondido por Carlos Casares. Foi vicesecretario desa institución durante dous períodos consecutivos, de 2001 a 2009, durante o mandato de Xosé Ramón Barreiro Fernández.

O académico foi un destacado animador de proxectos culturais desde a súa xuventude e comprometeuse politicamente a favor da democracia durante o franquismo. Entre outras actividades, foi fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira na reivindicación da lingua e da cultura galegas. Neses primeiros anos 60 formou tamén parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor na clandestinidade do Partido Socialista Galego, do que foi secretario de información e propaganda.

Entre as imaxes para a historia da Galicia contemporánea queda xa a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no salón de Fonseca xunto a Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares. Os catro participaron no recital de homenaxe a Rosalía. Xa en democracia, foi cofundador e elixido membro directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, e tamén presidente do Ateneo de Santiago de Compostela. Foi ademais membro do novo Seminario de Estudos Galegos, patrón-fundador do Museo do Pobo Galego —onde hoxe se instalará a capela ardente para velar os seus restos mortais—, e cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil ou da Fundación Pedrón de Ouro.

A súa traxectoria foi recoñecida co Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago.

Suscríbete para seguir leyendo