Familiares e personalidades da cultura e a política despiden a García-Bodaño

Capela ardente de Salvador García-Bodaño, onte, no Museo do Pobo Galego, en Santiago.   | // JESÚS PRIETO

Capela ardente de Salvador García-Bodaño, onte, no Museo do Pobo Galego, en Santiago. | // JESÚS PRIETO / REDACCIÓN

REDACCIÓN

“O compromiso coa lingua é unha constante na súa traxectoria e, ademais de bo poeta, García-Bodaño era un home dun trato encantador, moi próximo. Eu, particularmente, quedo contenta de que a Academia, que fai todos os anos unha homenaxe polo Día da Poesía, a Salvador lla fixera en vida”, expresou a El Correo Gallego (do mesmo grupo editorial que LA OPINIÓN) a escritora Marilar Aleixandre, unha das primeiras en chegar, xunto coa familia, á capela ardente de Salvador García-Bodaño.

Instalado no auditorio do Museo do Pobo Galego, do que foi cofundador, co estandarte de Santiago e cuberto coa bandeira de Galicia, diante do seu féretro congregáronse multitude de personalidades do mundo da cultura e da política de toda Galicia. “Estamos despedindo unha figura enorme por todo o que representa, tanto para a cultura do noso país como polo grandísimo valor cívico que tivo sempre, o seu compromiso coa lingua e con todo o que tiña que ver con Galicia, en xeral, e Compostela en particular”, resumía Mercedes Rosón para quen “desde a perspectiva de Santiago hai poucos poetas que falaran tanto e tan ben de Compostela”.

A concelleira de Acción Cultural e o alcalde de Santiago, entre outros membros da corporación, sen distinción de siglas nin partidos, quixeron despedir a quen foi fillo adoptivo da cidade e presidente de honra do Ateneo santiagués. Sánchez Bugallo chegaba sobre a unha e media da tarde acompañado do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Tamén do presidente da Real Academia Galega que se referiu a García-Bodaño como o “Poeta de Compostela”.