A RAG suma presenza feminina coa filóloga e escritora María López Sández

“A paisaxe é un dos eixos recorrentes do pensamento galego”, reivindica a autora

REDACCIÓN

María López Sández ingresou na Real Academia Galega (RAG) como membro de número, explorando a relación da paisaxe cos inicios do ensaísmo galego. A filóloga e escritora, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago, reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva e puxo o acento na importancia da xeración dos 50 neste labor intelectual.

“A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, afirmou no discurso que pronunciou no Círculo das Artes de Lugo, a súa cidade natal. A nova académica identificou o xermolo do ensaísmo no limiar de Cantares gallegos, exemplo de “autorrepresentación radical” que “constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”; e sinalou a Ramón Otero Pedrayo como figura clave para a eclosión a mediados do século pasado dun xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”.

O discurso de María López Sández préstalles unha atención especial aos autores lugueses dos anos 50, que foron parte destacada dunha xeración que construíu “unha obra coral” arredor da paisaxe. O propio Celestino Fernández de la Vega, quen parodiando a Ortega y Gasset afirmou “eu son eu e maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”, salientou, nun artigo publicado en El Progreso, o papel de Ánxel Fole na cohesión do grupo que eles mesmos formaron con Ramón Piñeiro, Luís Pimentel e outros autores, “unha constelación de figuras que se atopan neste Lugo da posguerra e que desempeñarán un papel decisivo na historia de Galicia e na consolidación do ensaio como xénero das nosas letras”.

A investigadora gaba, en concreto un par de textos, Abrente e solpor da paisaxe, de Celestino Fernández de la Vega, do que resalta a fondura filosófica e o entroncamento coa historia das ideas estéticas; e Mito e realidade da Terra nai, de Xoán Rof Carballo, “un dos máis fermosos ensaios sobre a paisaxe galega”.