A RAG celebrará o Día da Poesía cunha homenaxe a Darío Xohán Cabana na Coruña

O acto conmemorativo terá lugar o xoves 23 na Fundación Luis Seoane e poderá seguirse en directo dende a web e a canle de YouTube da Academia

Redacción

Darío Xohán Cabana (1952-2021) será o protagonista da conmemoración do Día da Poesía da Real Academia Galega (RAG). A institución renderalle homenaxe o xoves 23 de marzo nun acto no que familia, amizades e outros creadores recitarán versos do escritor e académico, unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas. A celebración, de entrada libre, terá lugar na Fundación Luis Seoane e poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG. O público recibirá a plaquette Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores, un volume coordinado pola directora da Sección de Literatura da Academia, Marilar Aleixandre, que reúne os poemas escolmados e os textos sobre Darío Xohán Cabana e a súa obra escritos para a ocasión polas persoas que tomarán a palabra. O Día da Poesía conta co apoio da Deputación da Coruña.

Tras a apertura do acto a cargo do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e Marilar Aleixandre, a secretaria da institución e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, pronunciará a loanza do homenaxeado nun serán que conducirá a académica de número Ana Romaní. Deseguido, a tamén compañeira de corporación Chus Pato e Marilar Aleixandre recitarán poemas do escritor xunto a Pepe Barro, Marica Campo, Xoán Ramiro Cuba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, María Alonso Seisdedos e mais Alexandra Cabana Outeiro, filla de Darío Xohán Cabana. A súa poesía escoitarase ademais arroupada pola música nunha actuación de Lois Pérez.