A RAG celebra o Día da Poesía con versos de Darío Xohán Cabana

A homenaxe reuniu a familia e amizades do mundo da cultura, que recitaron os seus poemas

Os participantes na homenaxe a Darío Xohán Cabana.   | // L. O.

Os participantes na homenaxe a Darío Xohán Cabana. | // L. O. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952-2021) que a Real Academia Galega celebrou onte rematou coa emotiva lembranza da súa propia filla. Alexandra Cabana Outeiro púxolle o ramo á celebración do Día da Poesía na honra de quen foi “fonte inesgotable de palabras” recitando You Shall Overcome, “un canto de amor e resistencia” para o proletariado, os vellos, a lingua e os nenos e nenas coma a súa neta, “que son futuro de habermos futuro”, dixo. Porque a poesía de Darío “aliméntase da terra no seu sentido máis auténtico”, compartiu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nun acto que avanzou con versos do autor de Roás (Cospeito) e outros recordos compartidos por amizades do mundo da cultura.

A homenaxe organizada pola Sección de Literatura da RAG contou coa participación da súa amiga e secretaria da RAG, Margarita Ledo, e coas intervencións das académicas Chus Pato e Marilar Aleixandre, e de Xoán Ramiro Cuba, Pepe Barro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo e Anxo Angueira no recitado de versos.A parte musical achegouna Lois Pérez, que interpretou os poemas Cantiga de amigo pra facer o camiño, Vocabulario chairego e Pedras de gozo.