Relatores do Consello da Cultura sitúan a morte como o tabú do século XXI

Redacción

Tanto en Galicia como na Bretaña francesa abondaban os rituais e elementos patrimoniais ao redor da morte. Petos de ánimas, cruceiros, cemiterios ao pé das igrexas ou velorios nas casas foron durante décadas as pegadas que neste século XXI se están a diseminar debido a un proceso de “desocialización da morte” que conduciu a estas sociedades a convertela nun tabú.

É a hipótese que desenvolveron distintas voces expertas e especialistas nunha xornada organizada nos últimos dous días polo Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela. Na xornada, baixo o título A morte nos fisterras europeos: Galicia e Bretaña, o antropólogo Rafael Quintiá falou de como “houbo un cambio radical na xestión dos mortos que fixo que mudaran os rituais e os procesos”. Bernard Río confirmou que na Bretaña tamén sucede e que estes cambios “desorientan”.