Francisco Fernández del Riego, protagonista central da literatura galega do mes de maio

As editoriais poñen o foco na figura homenaxeada do Día das Letras Galegas | O intelectual tivo un papel moi importante na creación desta celebración, que acada as sesenta edicións

Escolma de libros sobre Francisco Fernández del Riego nunha libraría. |   // JESÚS PRIETO

Escolma de libros sobre Francisco Fernández del Riego nunha libraría. | // JESÚS PRIETO / Charo Barba

Charo Barba

Pasa abril e o mes de maio está sempre centrado en Galicia no homenaxeado no Día das Letras Galegas e tanto editoriais como organismos oficiais, asociacións ou colexios e institutos poñen o foco no protagonista do 17 de maio, este ano en Francisco Fernández del Riego. Con este motivo, as editoriais galegas sacaron do prelo máis dunha vintena de libros arredor do homenaxeado ou ben da súa autoría.

Autor prolífico, trataba nos seus traballos tanto a divulgación da lingua, como da literatura, a cultura e a política galegas. Cofundador da editorial Galaxia, a empresa ofrece unha proposta de doce libros, incluso dous inéditos que permanecían esquecidos e que aproveitaron a súa homenaxe para publicalos. Trátase de Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, e Memoria do París literario, en edición de Malores Villanueva, autora tamén da súa biografía: Francisco Fernández del Riego.Un loitador pola idea de Galicia. O texto mecanografiado do primeiro descansaba entre os seus papeis nos arquivos da Fundación Penzol. O segundo é froito da viaxe que fixo coa súa esposa, Evelina, a París en maio do 53, onde se reencontrou co seu amigo Manuel Colmeiro e onde mantivo faladoiros con persoas relevantes, moitas delas exiliadas, además de coñecer a cidade, os seus museos e a súa arte.

Ademais en Con Pondal en Bergantiños, Lourenzá e Don Paco. Letras para a arte galega, de Beatriz Liz de Cea, coñécese polo miúdo a súa maneira de pensar. En Lourenzá, Del Riego conta “o que teño aprendido sobre o pasado da vila na que nacín e me criei. Vivencias dos días alí decorridos. Impresións sobre a paisaxe, o ambiente do lugar. Un algo tamén do que coñecín en localidades veciñas”.

Pero Galaxia tamén ofrece Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932-1936, do propio Del Riego en edición de Justo Beramendi, que recompila a producción de novo de Del Riego, que nalgunha ocasión clasificou como pertencente á xeración “dos primeiros nativos nacionalistas”, polo xeral moi descoñecida. O profesor Beramendi elaborou un exhaustivo estudo introdutorio, no que describe e analiza a súa ideoloxía, produción en prensa e actuacións políticas e culturais dende a súa incorporación ao nacionalismo galego en 1931, cando tiña 18 anos, ata o inicio da Guerra Civil.

Tamén reeditou as súas obras Camiño andado, crónica onde asume a experiencia dos anos para percorrer na memoria; O río do tempo, outro importante exercicio de memoria que el mesmo explica nas súas palabras: “Nas páxinas que seguen conto o que me sucedeu durante o decorrer de moitos anos, e de todo aquilo do que fun testemuña. O que, no seu contido, pode valer é o decurso completo dunha existencia; a de alguén que fixo o que pensaba que debía facer, pero sempre con relativa prudencia e xenerosidade”. E A xeración Galaxia, narración da aventura cultural e política protagonizada por un “feixe de homes que loitaron pola supervivencia da identidade de Galicia”, según anuncia a propia empresa editora.

Por último, en Compostela, póla florida, recóllese unha selección dalgúns fragmentos da súa obra onde Santiago é o protagonista, e tamén aposta pola banda deseñada con Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil, de Antón Mascato (o seu primeiro biógrafo) e ilustracións de Pepe Carreiro. Mascato publicou no ano 2000 a primeira biografía sobre Paco del Riego.

E en Lourenzá, onde naceu Del Riego, este mércores inaugurouse unha exposición comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva inscrita na programa da Xunta que leva por título Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do espírito.

De xeito didáctico, buscar dar a coñecelo por Galicia adiante. Repasa a traxectoria vital e biográfica do autor para comprender quen foi, que deixou e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura no tempo recente.

O catálogo de Edicións Xerais conta con catro títulos: Galicia, do propio Del Riego; Francisco Fernández del Riego, o legado silandeiro, de Héctor Cajaraville, unha achega do homenaxeado dirixida ao público infantil e xuvenil; Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, de Ramón Nicolás, e Conversas con Paco del Riego, de Perfecto Conde Muruais, froito das conversacións que mantiveron os dous e que converte a obra nun testamento cultural e político do que pensaba.

Pola súa parte, Hércules de Edicións publicou, dentro das súas Unidades Didácticas das Letras Galegas, Paco del Riego. Un home irrepetible, no que a profesora ad honorem da USC Blanca-Ana Roig Rechou fai un percorrido por unha parte da historia de Galicia entre 1913 e 2010 seguindo as aventuras literarias, políticas e lúdicas de Paco del Riego. Aínda que destinado ao público infantil e xuvenil, ten interese para todos.

Tamén Alvarellos Editora, en coedición co Consorcio de Santiago, destinou unha das súas publicacións máis recentes ao autor de Lourenzá. Trátase de De Compostela ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego, de Antón Mascato, que tamén asina un traballo en Galaxia. Unha fotobiografía con más de duascentas imaxes, documentos e ilustracións que percorre, de xeito divulgativo e áxil, os fitos biográficos do homenaxeado este ano o 17 de maio.

Os responsables de Ir Indo edicións reeditaron una biografía de Del Riego do ano 2000. cando el aínda estaba vivo (o seu pasamento foi en 2010). Trátase dunha biografía de Franco Grande, amigo del, que se publicou dentro da súa colección Galegos na historia. Na de agora reprodúcese ese mesmo texto do devandito Franco Grande con algunha fotografía, pero amplíase unha segunda parte de Anxo Rajó, un dos que fora redactor da Biblioteca Galega Universal, no que analiza toda a súa obra literaria.

A Universidade de Santiago súmase así mesmo ás celebracións coa presentación, o vindeiro martes 16, en Fonseca da obra coordinada por Henrique Monteagudo e Xosé M. Salgado Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde. Finalmente, Bolanda Ediciones sacou un libro para nenos en homenaxe ao intelectual homenaxeado este ano da man dos Bolechas.

Son máis dunha vintena de libros para festexar a vida e obra dunha figura fundamental da cultura galega. Inspirador e creador precisamente do Día das Letras Galegas que este ano o homenaxea e que chega, dende 1963, á súa edición número sesenta.

A Real Academia Galega (RAG) puxo en marcha unha manchea de iniciativas para facer brillar a quen precisamente propuxo festexar as Letras Galegas o 17 de maio, hai sesenta anos. A data foi elixida porque cen anos antes, o 17 de maio de 1863, Rosalía dedicáralle a Fernán Caballero a súa primeira edición de Cantares gallegos.

Esta mesma semana, o martes, a academia abriu unha fiestra virtual en academia.gal onde se pode percorrer en imaxes os 60 anos de celebración. Pero non é a única acción, nin moito menos. Na web institucional xa hai un espazo específico onde se publican todos os contidos.

Alí atópase unha serie documental de 90 minutos en seis episodios, Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu. Ademais, a RAG dixitalizou os documentos do seu arquivo polo ingreso de Álvaro Cunqueiro na Academia, ao que Del Riego lle deu a resposta xa que eran amigos da infancia. Tamén publica na rede os discursos mecanoscritos e fotos dese momento.

O mesmo fixo cos guións do Galician Programme da BBC con colaboracións de Del Riego e, nas redes sociais, van publicando citas de distintas obras súas.

O organismo que dirixe Víctor Fernández Freixanes tampoco se esquece dos nenos e puxo en marcha unha web para o público infantil e xuvenil (primaveradasletras.gal).

Primeiras edicións

Pero, ademais, editará este ano dous volumes con traballos sobre o galego entre 1916 e 1936 co gallo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, do que Francisco Fernández del Riego era membro, así como unha escolma de cubertas das primeiras edicións das súas obras e os retratos do homenaxeado cos que conta o arquivo da Real Academia. Tamén da conta das novidades editoriais arredor do intelectual galeguista, así como as reedicións.

Pola súa banda, a Fundación Penzol, da que Del Riego foi o seu director, depositaria do arquivo do homenaxeado, ten dispoñible na súa web un espazo con fotos de don Paco.

Tras o verán, a Real Academia Galega publicará ademais o epistolario cruzado entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero, e celebrará unha xornadas sobre o autor

Suscríbete para seguir leyendo