A RAG honra a Del Riego e pide seguir o seu exemplo para non renderse na defensa do país

“Estamos aquí porque antes estiveron eles”, resaltou o presidente da Academia en lembranza do homenaxeado das Letras Galegas e da súa xeración, a dos exiliados fóra e no interior que foron os “vagalumes” da esperanza

A Academia Galega, no pleno extraordinario na honra de Fernández del Riego en Lourenzá, a súa vila natal. |   // RAG

A Academia Galega, no pleno extraordinario na honra de Fernández del Riego en Lourenzá, a súa vila natal. | // RAG / mar mato

mar mato

Lourenzá (Lugo), a vila que viu nacer a Francisco Fernández del Riego, foi onte o latexo da celebración do Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega (RAG) celebrou alí a sesión plenaria extraordinaria da institución para honrar a memoria do homenaxeado e facer vixente o seu legado: dende a propia celebración da efeméride; a pugna pola presenza do galego nas institucións, medios, literatura e nas casas e o traballo para non esquecer o labor de persoeiros chave da historia e das letras de noso. Non faltaron as sobriñas de Del Riego e outros familiares; o presidente da Xunta, do Parlamento de Galicia, o conselleiro de Cultura, diversos directores xerais, alcaldes e rexedoras da zona e máximos responsables das principais fundacións e institucións culturais do país.

Familiares de Del Riego, onte en Lourenzá. |   // RAG

Familiares de Del Riego, onte en Lourenzá. | // RAG / mar mato

Tras unha intervención inesquecible do académico Xesús Alonso Montero e unhas aportacións tamén valiosísimas dos membros da RAG Margarita Ledo e Francisco Díaz-Fierros, o presidente da Academia, Víctor Freixanes, fixo referencia a unha “consideración de xustiza” dedicarlle a Don Paco o Día das Letras Galegas.

“Estamos aquí —reflexionou— porque antes estiveron eles,o grupo xeracional de Del Riego”, que el cualificou de “heroes”, especialmente os que quedaron na Galicia retando o silencio e a persecución impostos polo réxime ditatorial.

Recalcou que eles conformaron un capítulo da historia de Galicia de “vidas exemplares” que deben seguir a ter resón no presente. Para isto, chamou a atención sobre a responsabilidade nosa hoxe. “A historia constrúese paso a paso”, sinalou para lembrar que coa “arrasadeira” da Guerra Civil e a purga da oposición á Franco “podía pensarse que todo estaba perdido”.

Porén, persoas como Del Riego, proseguiu indicando Freixanes, “nunca se renderon. El dicía: ‘Nunca vos rindades (..) porque o futuro facémolo todos cada día’. Así traballou Don Paco. Non é certo que perderan malia a traxedia. Nunca llo agradeceremos abondo. Vai por todos eles e por todos nós”, o que fixo levantar un aplauso e aos asistentes das cadeiras.

Foi o peche dun acto —e transmitido polo YouTube en directo e que contou con intérpretes da lingua de signos— que abriu a Banda de Gaitas Souto Xímaro e o Coro Mestre Pacheco de Mondoñedo.

Pola súa parte, a secretaria da RAG, Margarita Ledo, lembrou no seu discurso como o 25 de xullo de 1931 Del Riego e outros mozos ergueron a bandeira galega no consistorio local para celebrar o Día de Galicia trala toma de conciencia política. Tamén recordou como o patriarca sempre puxo os medios de comunicación como eixo fundamental da normalización e dignificación lingüística.

El mesmo actuou como xornalista na súa carreira converténdose nun “vagalume” de luz na escuridade dunha época para manter acesa a esperanza duns tempos mellores. Así, Ledo percorreu a súa faceta como articulista, crítico e entrevistador. Ledo referiuse a Del Riego como “un vagalume entre as tebras” e citou os seus primeiros artigos en galego na ditadura franquista en La Noche a finais dos anos 40. Non esqueceu a súa aportación ao programa en galego na BBC.

Trala secretaria da RAG, interveu Díaz-Fierros quen falou do devir da paisaxe baixo a ollada de Fernández del Riego. Lembrou que as cuestións sobre a paisaxe na literatura comezaron tralo Renacemento inda que en Galicia empezaría no século XIX a callar.

A expresión da natureza na literatura plasmouse con Rosalía de Castro inda que tamén escribiron sobre ela Pondal, Cabanillas e Manuel Antonio, entre outros.A eles, sumouse Del Riego co seu primeiro libro Os ollos do esprito onde mediante ensaios escribe sobre a paisaxe galega, entre outros temas: e coa súa aportación á obra colectiva Paisaxe e cultura tocando a paisaxe de Lourenzá pero tamén a urbana de Vigo coas súas luces que o impresionaban.

Por último, hai que indicar que dende a Xunta, antes do pleno, se celebrou un acto con discurso do presidente, Alfonso Rueda, quen calificou o Día das Letras Galegas como “a festa maior do noso idioma”. Sobre o futuro do galego, asegurou: “A nosa lingua ven de lonxe e vai lonxe. A clave da súa fortaleza estivo, está e estará na súa comuñón co pobo galego. El créaa, el protéxea, el aloumíñaa e el garante o seu futuro”.

As tres horas máis ledas e tristes de Seoane

O discurso que onte encolleu o corazón foi o de Xesús Alonso Montero. Apoiándose nas cartas que se cruzaron Luís Seoane e Del Riego e as declaracións deste último á catedrática Malores Villanueva, recuperou o reencontro do pintor e o editor en Vigo o 18 de outubro de 1949 despois de trece anos e catro meses sen verse, separados como consecuencia da sublevación fascista do 1936. Na súa intervención, Alonso Montero lembrou como Seoane marchou a Bos Aires exiliado. Nunha das misivas entre eles, o artista e intelectual coruñés anuncioulle que estaba en París coa súa dona e que o buque no que volverían á Arxentina faría escala unhas pouquísimas horas en Vigo. Propúxolle a Don Paco vérense e falarse. Eles eran amigos dende os anos universitarios de Compostela.Como viaxaba en terceira clase, explicoulle que non lle sería permitido baixar á terra e que sería Del Riego o que debería subir ao barco. Finalmente, pola influencia de Paz Andrade, Seoane e a súa muller, Maruxa Fernández, pisaron terra durante tres horas onde os agardaban Del Riego, Laxeiro, Maside, Valentín Paz Andrade Celso Collazo e os irmáns Darío e Emilio Álvarez Blázquez. Foron andando por Príncipe seguidos por dous policías. Pararon no estudio de Maside e onde Laxeiro pintaba para ver os seus cadros. Comeron na taberna do Eligio. Escribiría Seoane: “Me hizo bien y mucho daño haber pasado por Vigo”. No seu poemario Fardel de eisilado falaría dos amigos dese encontro “sumidos en espesas, mouras tebras”.