A Xunta recoñece o traballo de 45 centros cos premios a proxectos de innovación

B. C. [ a coruña]

A Xunta de Galicia resolveu os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, cos que se recoñece o traballo de 45 centros, entre coordinadores e colaboradores. A relación de iniciativas galardoadas pode consultarse no Portal Educativo.

O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica total de 840.000€euros, é potenciar as iniciativas innovadoras no ámbito da FP, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na Formación Profesional e o fomento do emprendemento.

A esta convocatoria presentáronse un cento de proxectos, superando a participación de anos anteriores, con 49 centros coordinadores, 64 centros participantes, 167 entidades colaboradoras e máis de 250 docentes implicados. O maior aumento de propostas produciuse na modalidade B, correspondente a proxectos de innovación didáctica cun total de 55 proxectos presentados, fronte os 45 de innovación tecnolóxica ou científica. Nesta convocatoria valorouse o potencial dos proxectos presentados para ser continuados desde o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros para dar lugar a iniciativas de emprendemento no seu viveiro industrial, como promotor da innovación aplicada na FP galega.

Do total dos premios, 17 son para proxectos da modalidade A, que teñen como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica, que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. No caso dos proxectos de innovación didáctica, outórganse 19 galardóns. Nesta modalidade as iniciativas debían ter como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais.