‘Brancura’, ‘O candidato da fin do mundo’ e ‘Cullinan’, finalistas do Xerais de Novela

‘Carmiña’, ‘Néboa’ e ‘Ring’ optan o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e ‘A botella de lentellas’, ‘De pombas, aguias e señores corvos’ e ‘Frida’, o Merlín de Literatura Infantil

O xurado do Premio Xerais de Novela, na súa reunión de onte.   | // XERAIS

O xurado do Premio Xerais de Novela, na súa reunión de onte. | // XERAIS / Redacción

Redacción

O xurado da XL edición do Premio Xerais de Novela anunciou onte os finalistas deste ano, que se presentaron baixo os lemas Brancura, Cullinan e O candidato da fin do mundo. O xurado está formado por Diego A. Dacal, coordinador do clube de lectura Sete vidas de Espazo Lectura; as xornalistas María Díaz e Tamara Novoa; Fernando Miranda, de Libraría Miranda, Ánxela Vázquez Andrade, profesora e bookstagrammer (@nazondebookstagram); e o secretario do xurado Xosé Manuel Moo Pedrosa, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

As obras cos lemas Carmiña, Néboa e Ring son as finalistas da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. O xurado está formado nesta ocasión pola xornalista Laura Veiga (tamén divulgadora en @pingando.gal); Erica García-Santamarina Caridad (AAGG); Cándido Paniagua Pousa, mestre e escritor; a bookstagrammer Adela Dios Touriñán (@mazadahorta), Osmar Rodríguez Pérez, libreiro na libraría Mobby Dick, e o secretario do xurado Ramón Domínguez Veiga, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da XXXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas A botella de lentellas, De pombas, aguias e señores corvos e Frida. O xurado está formado por Cris de Caldas, filóloga, bibliotecaria e contadora; Ivana Gómez Abuín, mestra e bookstagrammer (@libros_e_libros); o músico Paco Cerdeira Pakolas; a xornalista Olalla Sánchez Pintos, a ilustradora Xiana Teimoy e Anaír Rodríguez como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Este ano concorreron aos premios 87 obras e cada un deles está dotado con 10.000 euros. As obras gañadoras daranse a coñecer o sábado 17 de xuño despois da última reunión do xurado, que terá lugar un día antes. As obras A culpa, de María Solar; Cicuta para dous, de Rocío Leira; e Unha nova dimensión, de Anxo Iglesias, resultaron gañadoras o pasado ano do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil, respectivamente.