Pablo Javier Rañales | Gañador do Premio Illa Nova de Narrativa pola obra ‘Os afogados’

“Quero traballar en galego dende a fantasía, a ciencia ficción e o terror”

“Era consciente de que ‘Os afogados’ tiña posibilidades porque intentei que tivese forza narrativa e personalidade”

O escritor e xornalista Pablo J. Rañales.  | // CEDIDA

O escritor e xornalista Pablo J. Rañales. | // CEDIDA / Alba Prada

Alba Prada

O mugardés Pablo J. Rañales, de 24 anos, vén de gañar a sétima edición do premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra Os afogados. O xurado destacou da novela a súa significación dentro da narrativa galega “porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá”. En todo momento, o autor logra dosificar a intriga de forma que mantén a tensión nunha trama moi equilibrada. A Editorial Galaxia, coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés, convoca cada ano o galardón, para autores e autoras menores de 35 anos, co obxectivo de estimular a creación. Falamos co xornalista e escritor Pablo J. Rañales para afondar no seu traballo, que aínda está pendente de ser publicado e presentado ao público.

Antes de nada, parabéns. Agardaba este premio ou colleuno por sorpresa?

A verdade é que sabía que o manuscrito tiña posibilidades, pero sempre dubidas... non sabes moi ben si ese soño se vai facer realidade. Tiña claro que había posibilidades porque intentei que tivese forza narrativa e personalidade. Era consciente de que a trama e os personaxes poderían estar mellor ou peor xestionados, pero que estaba aí esa forza narrativa. E creo que cando podes conseguir algo así nunha obra, tes posibilidades.

Os afogados é a súa terceira novela pero a primeira en lingua galega. Anteriormente publicou Siervos de tinta y En la tinta del busero. Por que este cambio?

Foi a partir dunha circunstancia persoal, dunha experiencia que vivín en Praga, na República Checa, durante o meu Erasmus. Alí notei como os checos se relacionaban coa súa propia cultura, cos seus escritores, cos seus músicos e artistas. Entón pareime a pensar se eu coa miña tiña un vencello así. Son un tipiño ao que lle gusta a cultura e pregunteime: coñezo a escritores galegos contemporárenos?, a máis de cinco ou seis?, coñeco a grupos de música galega moderna?... e decateime de que non. Ao analizar a situación decidín cambiar e coñecer de verdade a cultura galega e determinar mellor a miña identidade. Foi a partir desa experiencia cando cheguei de novo a casa e comecei a falar máis en galego, a desenvolver a miña carreira laboral en galego, o xornalismo e a comunicación institucional, e tamén escribindo novela.

Cre que a xente nova coida a cultura galega?

Creo que hai un argumento moi mercantilista á hora de ver a cultura galega e o propio idioma. É dicir, como se fose minoritaria e o idioma non valese para desenvolverte no contexto nacional e internacional cando realmente tanto a cultura como o idioma logran que a nosa identidade medre máis profundamente. Con todo, creo que a xente nova dáse conta cada vez máis da importancia de coidar a nosa cultura. Todos estes movementos de renovación musical como Baiuca e Tanxugueiras están facendo que os mozos se decaten de que temos cousas moi interesantes que nos caracterizan e que podemos modernizar e renovar e sentirnos orgullosos desa representación cultural. Entón creo que hai un movemento moi positivo entre a mocidade.

Cal é o argumento da obra?

É unha historia sobre a relación que temos coa natureza. Fala duns seres que agroman das rías galegas e que están compostos de substrato mariño: algas, cunchas e ameixas. Agroman da ría camiñando con forma humana e quedan xusto na area, nas praias e calas galegas. Comezan sendo poucos e logo toda Galicia queda infestada por estos seres chamados comunmente os afogados. Non sabemos por que están aquí nin que queren de nós. Loxicamente é a relación que mantén a sociedade galega con esa crise que estamos a vivir, como responde o aparata estatal, como responden a veciñanza e os medios de comunicación ante esa suposta ameaza, ante eses afogados.

O xurado destacou da novela que se arrisca e vai un paso máis alá. En que sentido?

Quizais polos temas que toca, non só porque fala da natureza senón porque introduce como se viralizan os discursos nas redes sociais. Tematicamente tamén é unha novela bastante fantasiosa e en galego temos moi pouco nesa liña. Creo que por ese tema e por eses xéneros nos que a novela se move hai unha sorte de avance e progreso. Para min son a aposta da obra.

En Os afogados apostou, ademais ,por unha linguaxe inclusiva.

Si, constantemente a voz narrativa que domina a novela fala dos afogados dende o masculino, o feminino e dende os afogades. É unha decisión que ten sentido narrativo, onde os afogados non teñen xénero nin sexo. Son un colectivo que rompe cos roles humanos e con esas construcións que facemos. Non quería que o lector pensase nos afogados dende o masculino ou dende feminino. Quería que se decatase de que son seres complexos e de que ás veces a natureza deconstrúe os nosos roles de xénero. Por iso me parecía que tiña sentido empregar esa linguaxe inclusiva.

É aínda moi novo e xa ten tres novelas publicadas. Como conseguiu facerse un oco no mundo da escritura?

A verdade é que con paciencia e moito respecto á literatura, lendo moito e escribindo moito. Creo que hai esperanza á hora de intentar trazar un camiño nesta liña. As miñas tres novelas son de edición tradicional e pasaron por unha criba de manuscritos. Algo importante é mellorar a técnica, ter pacienca e traballar moito. Hai posibilidade de facer carreira como autor, aínda que é un sector no que hai moita precariedade. É difícil ás veces compaxinar a escritura coa propia vida, pero hai que intentalo. Comecei autoeditando con 15 ou 16 anos pero logo quixen probar a edición tradicional, e firmei con Valhalla ediciones. As miñas primeiras novelas tiñan moito de realismo máxico, esta non tanto, pero mantén arquetipos de ciencia ficción e é moi fantasiosa.

Que consello lle dá a todos os mozos e mozas que desexan lanzarse a escribir?

Que non desistan dese soño, que non se crean que só podes publicar se tes contactos e coñeces de antes a industria. Non, pódese facer unha carreira como autor traballando con paciencia e con moita técnica. O importante é que ti vexas a túa propia evolución como autor e non obsesionarte tanto coas vendas senón crecer e ter cada vez máis control do que fas. E é posible. É unha industria opaca e ás veces os escritores non falamos da nosa precariedade porque nos dá reparo. Dános reparo dicir que gañamos un 10% das obras e que é dificil vivir soamente de escribir. Pero hai que visibilizar isto. Escribir unha novela é fantástico pero a industria somete aos escritores a un ritmos de precarización moi potentes.

Ten algunha rutina á hora de traballar?

En Os afogados o proceso creativo en comparación coa primeira novela foi máis organizado. Foi algo que instaurei e co que mellorei como escritor. Con Os afogados facía como mínimo unhas 500 palabras ao día máis ou menos, era o meu reto persoal e diariamente intentaba acadar ese mínimo. É importante porque é a forma de conectar cos personaxes e coa trama. Tamén fun planificando a historia, é dicir, tiña claro como continuaba dous ou tres capítulos antes.

Ten xa en mente algunha idea nova?

Teño varias ideas na cabeza. Estou traballando nunha nova novela pero pouco a pouco e sen présa. Non quero caer nun ritmo hiper produtivista. Pode semellar que si porque publiquei En la tinta del busero agora, e pouco antes Siervos de tinta, pero a miña primeira novela ata tres anos e medio despois de escribila non a vin publicada. Eses lapsos de tempo son os que manexa a industria, pero foron escritas con moita antelación. Os afogados, por exemplo, ten unhas 40.000 palabras e implicou un ano enteiro de escritura.

Será en galego tamén?

Será en galego. A miña intención é dentro do posible traballar en galego dende a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Creo que son os xéneros que máis precisamos actualmente no sistema literario galego. A fantasía permítenos evadirnos e conectar coa xente moza. A ciencia ficción logra que pensemos e reimaxinemos o futuro, e o terror é o xénero que nos permite como sociedade detectar os nosos medos. Creo que a literatura galega precisa dunha renovación e ampliación nestes xéneros e eu moi humildemente, como boamente poida, intentarei traballar nesa liña.

Suscríbete para seguir leyendo