Os tres programas de estadías lingüísticas da Xunta de Galicia permitirán neste curso 2023-24 que 3.400 alumnos melloren as súas competencias en idiomas: os programas Digital Week, no outono; Spring Week, na primavera, e as estadías lingüísticas do verán, denominado Axudasle, cun investimento de máis de tres millóns de euros destinado ás familias galegas, que acceden aos dous primeiros programas totalmente de balde, favorecendo a igualdade de oportunidades.
Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sufraga entre o 87 % e o 50 % do custo das estadías dos estudantes de bacharelato nos meses de verán no estranxeiro. En conxunto, a oferta para o novo ano académico supera nun centenar de prazas o pasado.
Serán 1.200 os alumnos de entre 6º de primaria e 4º da ESO que gocen da experiencia Digital Week. O obxectivo é a práctica do inglés e o seu uso en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo. Así mesmo, desenvólvense actividades complementarias que promoven a actividade física e a socialización. A actividade terá lugar en dez quendas diferentes dunha semana de duración entre o 1 de outubro e o 16 de decembro no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares.
No caso da Spring Week, serán 1.550 os estudantes de 6º de primaria e os catro cursos da ESO os que participen neste programa entre abril e xuño de 2024. A actividade baséase na estimulación da práctica oral da lingua inglesa e o seu uso en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar, así como a contextualización en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.
Por último, este curso convocaranse un total de 650 prazas para as estadías no estranxeiro durante o verán dirixidas a alumnado de bacharelato. Cunha duración de tres semanas en réxime residencial ou familiar no mes de agosto, o obxectivo de Axudasle é que o alumnado mellore as súas competencias na lingua do país de destino, ao tempo que entra en contacto con outras persoas, culturas e realidades. Os países de destino serán Reino Unido, Irlanda, Canadá, Francia, Alemaña e Portugal.