TOC: un trastorno ridiculizado na ficción, incapacitante na vida real

As persoas que o padecen teñen pensamentos obsesivos e tratan de evitalos a través de certos rituais que poden chegar a ocupar horas

Os TOC relacionados
coa hixiene son uns dos
máis comúns.   | // PEXELS

Os TOC relacionados coa hixiene son uns dos máis comúns. | // PEXELS / Alba Prada

Alba Prada

Non hai practicamente ninguén que descoñeza que é o TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) porque de retratalo xa se encargou ao longo do tempo a ficción audiovisual. O filme Mejor... imposible (1997) está protagonizado por un escritor chamado Melvin (encarnado por Jack Nicholson) que leva o seu garfo, coitelo e culler aos restaurantes e que non pode tocar a ninguén sen luvas. A película española Toc toc (2017) reúne a todo un elenco de personaxes do máis curioso: unha muller que non pode saír da casa sen comprobar mil veces que todo está pechado, unha moza que lava as mans compulsivamente, outra que repite cada frase que di, un home obsesionado cos cálculos matemáticos e outro coas liñas.

Tamén a famosa serie The Big Bang Theory (2007-2019) mostra de forma cómica este trastorno a través do personaxe de Sheldon Cooper (Jim Parsons) que tiña a necesidade de chamar tres veces á porta. Guionistas e directores viron neste trastorno de ansiedade un medio para conseguir risas, pero o certo é que na realidade as persoas que o padecen no seu grao máis alto sufren moito, ata o punto de que trastoca por completo o seu día a día. E é que o TOC é unha enfermidade mental que pode chegar a ser moi discapacitante.

2% da poboación

Este problema afecta, segundo explica Sandra Cudeiro, psicóloga clínica e vogal da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), a un 2% da poboación española. Elas son maioría, algo que a especialista relaciona cos estereotipos de xénero, fóra dos factores fisiolóxicos ou xenéticos. “Ás mulleres permíteselles chorar e a eles non tanto”, considera a especialista.

Pero que é concretamente o TOC e en que se diferenza dunha manía? A psicóloga clínica explica que se trata dun trastorno de ansiedade bastante frecuente que ten un patrón de obsesións e compulsións. “Por unha banda hai unha serie de pensamentos recurrentes que son moi molestos para a persoa, intrusivos e indesexados e que son as obsesións (pensamentos, imaxes..). E por outra existen as chamadas compulsións, é dicir, condutas repetitivas ou rituais que se fan como resposta ao malestar que crean ditas obsesións. A principal diferenza coas manías é que o TOC xera malestar e os rituais que implica ocupan moito tempo ao día e son limitantes, afectando a moitos aspectos da vida”.

Sandra mantén que non hai unha orixe concreta, senón que é “multifactorial”. Crese que existe unha determinada carga xenética, pero non hai unha causa. As vivencias e situacións estresantes poden xerar un TOC en persoas que xa teñen predisposición a sufrilo, que adoitan ser aquelas máis nerviosas e ansiosas. A pandemia de feito foi un momento moi difícil para os que o sofren, especialmente para as obsesións relacionadas coa limpeza ou a orde. Segundo explica a psicóloga, os diagnosticados con TOC viron empeorados os seus síntomas e foi un factor desencadeante para todos aqueles con predisposición a padecelo.

Tratamento

O TOC trátase con psicoterapia e psicofármacos (en caso de que sexan necesarios). E é que, como todos os trastornos, pode ser leve ou grave, e no caso de padecer este último é preciso combinar ambos tratamentos. Sandra explica que a psicoterapia implica por un lado psicoeducación, é dicir, unha explicación que lle faga entender ao paciente por que funciona así, que coñeza o trastorno de cerca. E por outro, o especialista traballa sobre o ritual, é dicir, inténtase que deixe de facelo. “Hai varias estratexias, pero o básico é centrarse na autoregulación e na parte dos pensamentos obsesivos”.

A especialista advirte que este trastorno é moi complexo, con tendencia a cronificarse, e require tratamentos longos, pero pode superarse. “Todo depende de que o fármaco e a psicoterapia funcionen correctamente”. Tamén implican moito ás familias na terapia, dado que elas están afectadas polo trastorno. “Cada persoa responde dunha maneira distinta. Independentemente de que se chegue a superar ou non é fundamental adherirse a ese tratamento porque sempre vai axudar a levalo da mellor maneira posible. É importante que polo menos non xere tanta limitación na vida diaria”.

Hixiene, limpeza e orden

Entre os TOC máis comúns a psicóloga cita a hixiene e a limpeza, a necesidade compulsiva de ter todo milimetricamente ordenado, as obsesións de comprobación, pensamentos de agresión (“por exemplo ter un coitelo diante e ter medo de usalo cun ser querido”). Tamén se ven moitas obsesións relacionados con funcións corporais (“se estou respirando”). Pero en definitiva, existen moitos tipos e non unha lista pechada. E si, a visión edulcorada que leva anos retratando o cine e a televisión está moi lonxe de ser a verdadeira.

Suscríbete para seguir leyendo