Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As Leilía despídense “moi orgullosas” despois de 30 anos nos palcos coa pandeireta na man

Ofrecerán o seu derradeiro concerto este sábado no Auditorio de Galicia, en Santiago u “Fixemos un traballo necesario para o país, de reivindicación e significación”, reivindican

Ana triñáns

Santiago

Leilía deixa os escenarios e os estudos de gravación logo de 34 anos e faino, tras o concerto da pasada semana no teatro Rosalía da Coruña, ofrecendo o seu derradeiro concerto en Santiago, este sábado 13, no Auditorio de Galicia. Este foi o motivo da recepción que lles ofreceu a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, onte no Pazo de Raxoi, a Ana, Rosario, Montse, Felisa, Patricia e Mercedes que, como non podía ser doutro xeito, encheron de música de pandeiretas o salón amarelo do Consistorio.

Sanmartín destacou na presentación do espectáculo Anque me vou, non me vou a “ligazón de Leilía con Santiago”, afirmou que foron “pioneiras” como o foi “Rosalía de Castro”, e recoñeceulles o feito de “dar dignidade ao que facían as mulleres nas festas, nas torreiras...” , ademais da importancia do labor de recolleita da formación musical e da súa influencia en grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra. Aínda que a alcaldesa de Santiago preferiu falar do “derradeiro concerto da xira Anque me vou, non me vou pero non do último concerto de Leilía”, Felisa Segade insistou en que se trata do “derradeiro concerto”. “Pechamos o círculo que iniciamos hai máis de trinta anos, é unha decisión consensuada e tomada hai tempo”. A pandeireteira reafirmouse, “gústanos o que facemos e estamos moi orgullosas do que fixemos” e referiuse á tarefa de Leilía de “desligar” a música de pandeireta do grupo de baile e á posta en valor “das composicións que as nosas avoas inventaban”, porque un dos obxectivos da formación foi o de “dar a coñecer o legado musical que nos deixaron”.

Segade explicou tamén que un dos motivos da despedida é que “non nos gusta facer as cousas a correr”, e no mundo de hoxe coas redes sociais a dinámica de Leilía non cadra, “decidimos todo entre as seis”, unha forma de traballar que require de tempo, explicaba a pandeireteira.

Pola súa banda, Ana Rodríguez, visiblemente emocionada, agradecía o arroupamento do público, “non podemos saír por unha porta máis grande” e lamentaba que pola época do ano na que se celebra o concerto non se poida facer ao aire libre e teña que limitarse ás mil persoas que o sábado encherán o Auditorio de Galicia para gozar de Anque me vou, non me vou, que en pouco máis de 3 horas esgotaron as localidades.

“Fixemos un traballo necesario para o país, de reivindicación e significación”, afirmaba Ana Rodríguez en referencia ao traballo de Leilía colleitando as coplas que compoñían e cantaban as mulleres galegas. “O noso labor está feito”, concluía en referencia ao traballo de formacións novas coma Mondra ou Caamaño&Ameixeiras, entre outras, “que seguen a crear as súas coplas con temas de hoxe”.

Tracking Pixel Contents