As testemuñas da serie sobre Luísa Villalta revelan a unha muller adiantada no tempo

“Di verdades absolutas”, asegura Damián Varela, sobre o seu compromiso social u Foi o encargado de dirixir esta produción de seis episodios estreada en abril

Fotograma da serie ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’. |  // MIRAMEMIRA

Fotograma da serie ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’. | // MIRAMEMIRA / G. fernández Blach / redacción

G. fernández Blach / redacción

“A sensación que tes ao remate dunha lectura de Luísa (Villalta) é como xogar no noso mundo, anímate a ver as cousas doutra maneira”, explica Damián Varela, director da serie Luísa Villalta: a rebelión da palabra, en declaracións a El Correo Gallego, do mesmo grupo que LA OPINIÓN, desde Xapón. A serie trátase dunha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) polo Día das Letras Galegas 2024. Este ano a homenaxeada é Luísa Villalta (A Coruña, 1957-ibídem, 2004) que nos seus 46 anos de vida chegou a ser novelista, poeta, dramaturga, música, violinista e mestra. A serie, dispoñible na conta oficial da RAG en YouTube, conta con seis episodios nos que máis dunha vintena de personaxes da cultura galega relatan o seu testemuño sobre o legado de Villalta.

Varela admite que o encargo da serie “foi o inicio dun traballo no que descoñecíamos completamente quen era Luísa”, en referencia á escasa difusión que experimenta a produción cultural da autora na actualidade. O director conta que a inspiración para titular os episodios, cuxos nomes se atopan relacionados con termos relativos ao son, nace da vocación musical que tivo Villalta antes de adicarse ao ensino, xa que a coruñesa tocaba o violín antes de decantarse pola docencia de lingua galega e literatura.

“O máis difícil de gravar esta serie foi entender a súa visión xigantesca sobre o mundo, un pensamento moi complexo”, confesa Varela sobre a forma de comprender a sociedade e a realidade da escritora. Pola contra, o responsable desta produción audiovisual e da produtora Miramemira explica que a parte máis sinxela de levar a cabo un proxecto así foron “os elementos contemporáneos que atoparon” na busca de información para desenvolver a idea. “Era unha muller adiantada ao seu tempo”, resalta o profesional do audiovisual.

A vertente social da autora

O proxecto tamén trata de dar conta da vertente social que sempre caracterizou a vida e a carreira da escritora. Dende o grupo de traballo encargado de desenvolver a idea destacan que a homenaxeada “trataba os asuntos da sociedade cunha rebeldía que hoxe en día é común para todos”. A pesar de ter falecido hai vinte anos, a forma na que Villalta comprende o contexto social é “contemporánea aos tempos actuais”.

No momento de ter que definir o legado da autora coruñesa, Damián Varela é moi claro: “Trátase dun pensamento crítico e responsable coa sociedade”. Por outra parte, Miramemira non é a primeira vez que leva a cabo unha serie sobre o homenaxeado ou a homenaxeada das Letras Galegas. O inicio desta inciativa remóntase ao 2021, ano no que a protagonista foi Xela Arias.

Dende a dirección da serie establecen paralelismos coa creada para esta autora, xa que se trata de mulleres cun “pensamento crítico” e máis próximas aos tempos actuais. Pola contra, o traballo sobre Francisco Fernández del Riego do ano pasado contraponse ao desta edición, facendo referencia a “xente doutros tempos, cunha personalidade distinta”.

“Calquera tipo de retrato sempre ten a complexidade de achegar a alma do protagonista”, admite Damián Varela. Aínda que o feito de que haxa voces vivas coñecedoras de Luísa Villalta favorece á creación, dando lugar a que sexa “máis fácil namorarse dela”. Por exemplo, cóntase co testemuño de Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto ou Miguel Anxo Fernán-Vello, entre outros.

“Di verdades absolutas”

Á hora de preguntarlle a Damián sobre que lle diría á xente que aínda non tivo ocasión de ver a serie, é rotundo: “Luísa parece dunha complexidade extraordinaria; con todo, o seu activismo social faina máis comprensible. Di verdades absolutas”. A sensación que se experimenta á hora de ler unha obra da escritora coruñesa é “como xogar no noso mundo” e “anímate a ver as cousas doutra maneira, poñendo en acción os pensamentos”. A serie ofrece unha visión de Luísa que non deixa indiferente a ninguén, causando “un maior compromiso coa contorna”.

Gadis únese á celebración coa entrega de 30.000 exemplares do caderno ‘Flores e Letras’

Gadis súmase, un ano máis, á celebración do Día das Letras Galegas. Unha data que a cadea de supermercados aproveita para achegar as nosas letras a miles de fogares en Galicia. Neste 2024, volve apostar por un formato orixinal co caderno de actividades Flores e letras. Unha publicación para emprender unha viaxe ao pasado da literatura galega e coñecer curiosidades dos autores e publicacións máis universais. Do pasado ao presente transitando por versos e textos a través de pasatempos, enigmas, e xogos que tamén levarán ao lector a descubrir a autores desta época. Flores e Letras atrapa polo seu xeito innovador de poñer en valor a literatura galega. Ademais, trátase dun caderno moi ameno para nenos, mozos e adultos, que atoparán no seu interior un recordatorio da figura de Luísa Villalta, a autora elixida pola Real Academia Galega (RAG) para render homenaxe nesta edición das Letras Galegas. Gadis repartirá máis de 30.000 exemplares do caderno Flores e Letras ós clientes que realicen unha compra por calquera importe o vindeiro xoves 16 de maio, ata esgotar existencias, en todos os supermercados de Galicia. Tamén existe a posibilidade de descargalo en formato PDF na web https://www.gadisletrasgalegas.gal/ a partir de mañá. Flores e Letras é o fío condutor de tódalas accións que a empresa levará a cabo con motivo desta conmemoración. Na mesma xornada agasallará aos seus clientes con máis de 30.000 marcapáxinas, para achegarse aos máis mozos, e tamén entregará máis de 30.000 bolsas de papel reciclado dando conta da celebración.