Doce escritores impulsarán en México a obra galega na principal feira mundial do libro

Será na cidade de Guadalajara, en Jalisco | A Consellería de Cultura e o Ministerio preparan cadanseu programa cultural con charlas, obradoiros e outras actividades

mar mato

A Feria Internacional del Libro de Guadalajara celébrase cada ano en México e é o evento literario en castelán máis importante do mundo. Trátase dunha pequena ou enorme Babel, depende como se olle, que o pasado ano anotou o seu récord ao recibir máis de 828.000 visitantes de 61 países diferentes. Para a vindeira edición, España é a convidada. Aínda que se celebrará entre finais de novembro e principios de decembro, tanto dende o Ministerio de Cultura como dende a Consellería de Cultura están xa a perfilar a súa presenza con cadanseu programa no que as autoras e autores galegos terán unha notable presenza. Aínda que a listaxe de autores —tanto escritores como ilustradores— está por pechar contan con levar uns doce. No caso de Galicia, a previsión da Consellería é ter preparada a comitiva nos vindeiros días, segundo anunciou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

“A Feira de Guadalajara —suliña— é a máis importante do mundo en castelán. É a que máis xente o escritores move. É un punto de reunión fundamental. Ten o premio FIL que cada ano se lle outorga a un autor ou escritora e que ten bastante prestixio. Cada ano hai un convidado de honra que pode ser un país, unha comunidade autónoma ou rexión. Este ano é España. Por parte do Goberno de España vai haber un esforzo importante cun pavillón bastante grande á entrada da feira e con actividades culturais paralelas. Nós, a Xunta de Galicia, imos todos os anos. Contactamos co Ministerio de Cultura para coordinarnos”.

Esta última institución está a organizar unha delegación que incluirá representación dos sistemas literarios con lingua propia. O programa literario é coordinado polo escritor nicaraguano Sergio Ramírez pero a organización recae na Dirección General del Libro e Acción Cultural Española. Aportan apoio o Gremio de Editores de España e a Universidad de Guadalajara, de México.

Desde Acción Cultura Española sinalan na súa web catro obxectivos na FIL para este ano: amosar a diversidade cultural e lingüística de España con mesas redondas, exposicións e obradoiros; fortalecer os lazos culturais entre España e México coa colaboración de autores, editores e institucións culturais; promover a industria editorial española e fomentar a lectura e o acceso ao libro. No caso da Xunta, para conformar a listaxe de autoras e autores participantes atenderon a un criterio principal, que tiveran obra recente publicada e libros traducidos ao castelán. “Este ano imos levar cinco escritores e unha persoa do ámbito da ilustración para complementar as actividades na feira. A organización do evento celebra actos en centros educativos do estado de Jalisco”, sinalou Anxo Lorenzo.

Ademais, a Consellería de Cultura colaborará co Pabellón de España enviando “libros en galego que mostren a diversidade editorial en España nas linguas cooficiais. De forma específica, enviaremos obras en galego dos seis autores seleccionados por nós”.

Sen editores

Lorenzo engadiu que “esta é unha feira na que os editores galegos teñen pouco interese en asistir porque a parte profesional é menos intensa. E ademais roda ao redor de obras en castelán. Temos levado a editores en anos anteriores pero a súa participación en Guadalajara non lles ten sumado moito na conta dos resultados no caso dos que só publican en galego. Esta é unha feira sobre todo de autores e ilustradores que fan traballo editorial para colocar os seus libros falando con outros operadores literarios”.

No caso do posto galego na feira, será un chisco máis grande que en edicións anteriores ao pasar de 24 a 36 metros cadrados. “É un aumento importante porque nos permitirá realizar actividades nel sen abafar. Tamén temos zona de exposición de libros para amosar as principais novidades. Eses volumes son doados á Universidade de Guadalajara”, conclúe.