Un informe do Consello da Cultura amosa desigual coñecemento da IA na cultura galega

O coñecemento e uso das tecnoloxías de intelixencia artificial (IA) na cultura galega son moi desiguais segundo os ámbitos temáticos profesionais. Así o pon de manifesto o documento de traballo A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións, producido polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (CCG).

Mentres os sectores do audiovisual e das artes visuais (fotografía, deseño, arquitectura e publicidade) coñecen e empregan a IA de xeito moi estendido (63,9% e 61,8% respectivamente), noutros ámbitos é algo inferior, como a edición de libros (47,5%) ou teatro e danza (40,5%). Son a música, o comercio de libros, os departamentos de cultura das administracións públicas ou os arquivos e bibliotecas os que menos coñecen e empregan estas ferramentas, con menos dun 25% dos profesionais enquisados que manifesten un coñecemento da IA.

Os datos foron presentados onte pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, durante a inauguración da xornada A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria.

Os datos proceden dunha explotación do Barómetro da cultura galega de 2024, un instrumento para a análise e o seguimento do sector cultural en Galicia no que o CCG entrevista a profesionais de máis de mil entidades vinculadas á cultura galega nas que se inclúen empresas, profesionais autónomos, administracións públicas e tecido asociativo.