Un estudo á procura de marcadores para a detección precoz da demencia

Investigadores de Santiago publican na revista ‘Frontiers in Psychiatry’ o resultado dun estudo piloto sobre a maior presenza de NFL en sangue en pacientes con depresión

Ana Triñáns

Carlos Fernández, Roberto Agís e José María Prieto son parte integrante do grupo de investigación ITEN —Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas— do IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria) de Santiago e veñen de publicar o estudo Niveis plasmáticos de cadea lixeira de neurofilamentos no trastorno depresivo maior: breve informe de investigación na prestixiosa revista Frontiers in Psychiatry. Trátase de detectar variacións nos niveis de NFL —neurofilamento de cadea lixeira— para a detección precoz dos procesos depresivos e, co tempo polo deterioro cognitivo que causa esta enfermidade, detectar tamén doenzas neourdexenerativas coma a demencia ou o alzheimer. O investigador Roberto Agís falou con El Correo Gallego, del mismo grupo que LA OPINIÓN, deste primeiro estudo, no que continúan traballando para ampliar a mostra inicial de pacientes.

A depresión pode estar causada por factores xenéticos, ambientais, biolóxicos, alimentarios... Na actualidade o diagnóstico desta doenza, e doutras de carácter psiquiátrico, baséanse en escalas subxectivas que avalían a sintomatoloxía do paciente. Este estudo do ITEN o que fai é buscar «biomarcadores, neste caso nunha proteína que está nas neuronas, nos axóns que transmiten información dunha neurona a outra e pasa ao líquido cefalorraquídeo». Unha condición que permite medila de forma obxectiva «para reflectir un estado fisiolóxico alterado ou patolóxico». A medición que fai o grupo de investigación de ITEN céntrase na variación do NFL, presente nos axóns e que presentan niveis maiores ao analizar o plasma de persoas con depresión. A tecnoloxía que Fernández, Prieto e Agís empregaron para facer este estudo foi Simoa HD-1, que permite detectar proteínas cunha sensibilidade ata 1.000 veces superior á que até os últimos anos era a tecnoloxía máis habitual, Elisa.

«No presente estudo non detectamos unha alteración estatisticamente significativa nos pacientes con diagnóstico de depresión, pero si unha clara tendencia á alza con respecto ao grupo control». Por iso se centran agora en ampliar a mostra, especialmente en pacientes depresivos de entre 45 e 50 anos, xa que de cara a un posible deterioro cognitivo que poida apuntar a unha demencia, cómpre ter en conta que unha vez que aparecen os síntomas, por exemplo do alzheimer, «non é este o inicio da enfermidade, senón que o deterioro a nivel molecular puido comezar hai unha ou dúas décadas», apunta Agís.

Aplicacións prácticas

Agora que o ITEN traballa cunha mostra maior de pacientes, na procura de corroborar o que indica este proxecto piloto: unha maior presenza destes neurofilamentos en pacientes con depresión, a detección, o tratamento e o control da enfermidade poden dar lugar a unha maior axilidade diagnóstica, ao tempo que se acurtarían prazos, custos e listaxes de agarda nos hospitais.

O cambio substancial que derivaría de detectar este biomarcador, consiste en que a día de hoxe, para poder ver o deterioro cognitivo dun paciente «o neurólogo pide unha resonancia magnética, pero iso vai tardar meses, estarás en lista de agarda... E logo deses meses sabes se o resultado é positivo ou negativo», explica Agís.

Mediante esta técnica, empregando Simoa e detectando esa maior presenza de NFL, «a través deste biomarcador, pódese determinar unha maior probabilidade de padecer demencia, cun sinxelo análise de sangue, unha mostra da que se poden ter resultados en 24 horas». Desta maneira, o proceso de detección e diagnóstico permitiría descartar unha porcentaxe de pacientes, en menor tempo e cun menor custo sanitario.

Tracking Pixel Contents