Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

“O galego está aquí e non está en perigo”

«Anos atrás, tiña moitos problemas e recuperámolo», defende o político

m.mato

Valentín García leva dende o ano 2012 como secretario xeral de Política Lingüística. Na pasada entrega dos Premios Xerais en Vigo, soportou entre o público o tirón de orellas polos datos da Enquisa do Uso do Galego que certifican que a poboación que fala castelán sempre ou con máis asiduidade co galego supera aos que preferen este último. Nas súas mans, varios proxectos para que o galego teña o seu espazo nas novas tecnoloxías.

A intelixencia artificial xera moitos temores. É posible que haxa xente que teña medo de doar a súa voz para o banco de voces destinado á intelixencia artificial do Proxecto Nós.

Hai que dicir que este banco de voces está totalmente controlado e auspiciado por institucións públicas; que ninguén teña o temor de que estas voces vaian ser manipuladas para fins espúreos ou ilícitos. Só buscamos un fin público e bo, que as máquinas falen galego. Non debemos quedarnos só coa idea de que a IA é algo negativo. Está aquí para axudarnos.

Cando confían en ter recollidas as 20.000 voces precisas?

Depende do ritmo. O obxectivo inicial era telas recollidas a mediados do ano 2025 pero supoñemos que o prazo terá que ser máis elevado. Todo dependerá do que se anime a xente. Estamos levando sorpresas moi agradables.

En que punto se atopa o tradutor simultáneo de voz no que traballan?

Témolo xa en probas. É un tradutor neuronal e vainos permitir traducir directamente da fala sen pasar polo rexistro escrito, directamente de voz a voz. Isto permite unha tradución máis rápida e enlaza a nosa lingua con calquera outra do mundo que teña esta tecnoloxía a disposición.

Será gratuíto?

Ao estar financiado con diñeiro público, este tradutor simultáneo estará disponible publicamente de xeito gratuito.

A situación do galego é crítica, que proxectos serán claves?

A partir das enquisas do IGE (Instituto Galego de Estatística) e ver que temos un novo paradigma no galego porque temos un problema na transmisión familiar e no uso na xente máis nova, anunciamos que imos tomar medidas para favorecer o uso do galego no ámbito escolar e nas familias para que lles falen máis galego aos nenos sobre todo nas contornas urbanas e para que a xuventude tamén fale máis galego. Temos a xeración nova máis capacitada para lelo e escribilo pero temos un problema e é que non o usan. Temos que animar a ese uso. Anunciamos campañas como Saca a Lingua que levas dentro; ou campañas para os sanitarios. Son medidas que se poñerán en marcha no 2025 e que virán acompañadas coa actualización do Plan Xeral de Normalización que é necesario modernizar e poñelo ao día.

Véxoo con moito pesimismo; por moita campaña que se faga agora xa non hai remedio para recuperar o galego.

Hai remedio, hai. O galego leva moitos anos antes ca nós e non vai deixar de estar. Estará doutra maneira pero estará. Anos atrás tiña moitos problemas e recuperámolo. O galego está aquí e non ten perigo pero hai que incentivalo porque a realidade de Galicia é outra e diferente á que había hai 40 anos.

Tracking Pixel Contents