Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta precisa a doazón de 14.000 voces para Siri ou Alexa falar en galego

O obxectivo final é lograr 20.000 e xa leva recollidas 5.800, segundo os datos de Política Lingüística | A IA entenderá ao fin cando lle pidamos a cita do Sergas na lingua de Rosalía

mar mato

Se ao entraren nas redes sociais atopan o anuncio «Alexa e Siri falando galego? Si, é posible! Colabora!» máis unha pestana na que se le «Doar a miña voz», han saber que hai detrás unha campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca crear un banco de voces en galego para que a intelixencia artificial (IA) fale este idioma ou nos entenda cando o empreguemos nós. Desde que anunciaron o proxecto o decembro pasado, levan acumuladas 5.800 voces, o 29% do obxectivo, estipulado en 20.000, segundo os datos do departamento autonómico.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explica por que precisamos deste banco de voces a través do Proxecto Nós: «A tecnoloxía algorítmica da intelixencia artificial úsase en moitas linguas. As máquinas aprenden unha lingua a partir de introducirlles moitos sintagmas, que son denominados frecuencias, frases de voz. Para empezar a traballar, teñen que doar a súa voz unhas 20.000 persoas».

García subliña que se trata dun proceso colaborativo «moi sinxelo no que hai que ler frases en alto nun ordenador ou teléfono móbil» que quedan gravadas na web. Ao entrar en doagalego.nos.gal/ temos que premer «Doar a miña voz». De seguido, entramos noutra páxina, commonvoice.mozilla.org/gl. Mozilla Common Voice é unha iniciativa para axudar a ensinarlle ás máquinas a falaren como as persoas en diferentes idiomas.

Preguntamos ao secretario xeral de Política Lingüística se con todas estas voces o programa de cita previa do Sergas por teléfono ao fin nos entenderá cando lle falemos galego. «Por suposto —responde— pero non só a máquina do Sergas, senón tamén Alexa, Siri, o Tom Tom no coche e todas as máquinas. O que queremos é crear ese software (lingüístico) e poñelo a disposición de todo o mundo de xeito libre. Cando as grandes corporacións xeneran eses programas, crean o servizo primeiro nas grandes linguas do mundo. O que temos que intentar é chegar ao mesmo tempo co galego poñendo a súa disposición este software libre e iso temos que facelo desde as organizacións públicas».

Política Lingüística non camiña soa neste proxecto; conta coa colaboración de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), as universidades de Santiago e Vigo e empresas tecnolóxicas galegas.

Gravar a voz a través de internet non é a única maneira de colaborar. O vello dito «Se Mahoma non vai á montaña, a montaña vai a Mahoma» aplícase tamén no Proxecto Nós. O Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) da Xunta iniciou unha caravana coa que para en diversas vilas e cidades para gravar voces. O 12 de novembro farao en Vilagarcía de Arousa, no Obradoiro Municipal de Emprego, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

«A recollida máis intensa fíxose nas aulas CeMIT —recoñece Valentín García— onde levan recollidas 251 horas. Pero necesitamos mil horas de gravación. Queda moito. Por iso, hai anuncios polas redes. Pedimos que a xente que doe a voz e que ninguén se sinta que fala un mal galego. Necesitamos todos tipo de voces dende mulleres, homes, xente de máis idade ou menos, de nenos coa debida autorización, con acentos latinos, magrebíes...», sinala García.

Tracking Pixel Contents