‘Cantareira’ convértese na Palabra do Ano como antesala das Letras Galegas
Consegue o 25% dos votos na elección popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a través do Portal das Palabras, na que ‘meu’ quedou en segunda posición
A Palabra do Ano 2024 soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia. Cantareira impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, nunha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país.
A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a RAG dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes, que amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles. Mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega.
A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década. As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e Valencia, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.
Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, -a define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro, -a, cantador, -a e cantaruxeiro, -a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”, pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare.
Cantareira, co 25 % dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. A segunda opción máis elixida foi meu, miña, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23 % dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre fala, que figurou entre as finalistas na segunda opción que recolle o Dicionario, «lingua natural propia dunha comunidade humana». Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición aparvar(se), vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos, e o sintagma nominal emerxencia climática, respectivamente.
- Alegría para los conductores en España: no tendrán que pasar la ITV a partir de 2025 si su coche está en este listado
- Así serán las bajas médicas a partir de 2025: Un nuevo sistema que evaluará la situación de cada trabajador
- Lucas Pérez se irá al Rayo si pacta su salida del Dépor
- Ikea recupera la estantería para el baño que arrasa entre los jóvenes: menos de 6 euros y se monta sin obra, ni agujeros
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Una influencer madrileña se deshace en elogios con 'el restaurante más icónico de A Coruña': 'Menos de 15 euros por cabeza
- Un soltero de 'First Dates' abandona la cena tras conocer la confesión de su cita: 'No podría tener una pareja que hace eso
- El Como sube la oferta por Yeremay pero el Dépor se aferra a la cláusula