A autora Angie Roa obtén o VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

Xerais publicará na primavera a obra gañadora, ‘Noa e a cidade sen maxia’

A obra Noa e a cidade sen maxia, de Angie Roa, gañou o VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera. A obra combina fantasía e aventura, e narra a historia de Noa, unha nena que medra escoitando relatos sobre unha cruel batalla librada por culpa da maxia. A rapaza non imaxina, ata que lle é desvelado, que ela provén dunha liñaxe de grandes magos e que chegou o momento de que coñeza os seus poderes e a verdadeira orixe do que semellaban ser só lendas.

O xurado, composto por Miguel Porto, Fernando Llor, Fernando Iglesias e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Roríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou a capacidade de conexión mediante a historia e a estética cos gustos de moito lectorado infantil e xuvenil actual.

Más alá do atractivo da historia, o xurado destacou o deseño de personaxes, o manexo da cor, así como a utilización dunha estética (próxima ao webtoon coreano) e dun modo de narrar moi contmeporáneos. A autora, Angie Roa, naceu en Mos no ano 2000 e é alumna na escola de BD O Garaxe Hermático.

Tracking Pixel Contents