Nace un proxecto para mapear as pandeireteiras de Galicia

A iniciativa parte de Somos Pandeireteiras, do que forma parte Mercedes Peón

Detalle dunha pandeireta. |  LOC

Detalle dunha pandeireta. | LOC

Mar Mato

A Asociación Tocadoras Galegas —nacida do proxecto Somos Pandeireteiras, impulsado entre outras pola investigadora e música Mercedes Peón— vén de lanzar unha iniciativa que busca rexistrar e localizar os grupos de pandeireteiras e cantareiras na Galicia. Para conseguilo, están a difundir polas redes sociais (especialmente polo Instagram @somospandeireteiras) este proxecto de mapeo.

«Queremos ter localizadas o maior número de tocadoras de pandeireta posibles. A nosa idea é facer un mapeo de tocadoras e dos grupos espallados ao longo do noso país. Queremos saber cantos son para poñelos no lugar que merecen», sinala Gisela Sanmartín, presidenta da asociación.

Engade que o que procuran « é darlles visibilidade, que se saiba que temos un número grandísimo de mulleres tocadoras no país e non os catro grupos que máis tocan. Tamén queremos visibilizar o traballo de asociacións e mestras porque é unha tarefa enorme».

A idea é poñer os datos a disponibilidade de todas a través da súa web www.somospandeireteiras.gal «de maneira que se alguén quere facer un festival e precisa pandeireteiras pode tocalas alí». O fin tamén é coñecer as mulleres tocadoras de antes ademais das que se van dar a coñecer polo Día das Letras Galegas. De feito, a asociación tamén está a realizar un rexistro das mestras de pandeireta actuais ou que deron clase.

Con estas iniciativas, o colectivo tamén busca darse a coñecer. Foi a finais do ano 2021 cando Mercedes Peón «chamou a Ana Fernández, Mar de Cerqueda e a min que son de Fene coa idea de facer unha xornada pública en Carballo ao redor das pandeireteiras», rememora Sanmartín.

O contido desa xornada será publicado nun libro que e speran que saia este mes de xaneiro e que recompilará as ideas que foron saíndo. «Chegamos á conclusión de que facía moita falta crear unha asociación de tocadoras porque había un baleiro», engade a directiva do colectivo.

Segundo o seu punto de vista, as principais eivas das pandeireteiras son «a pouca visibilidade e importancia que se nos dá». «Se tocas outro instrumento é como se tiveras outro nivel pero se tocas a pandeireta é como se estiveras menos valorada. Non só agora senón antes. Este ano van estar en boca de todo o mundo as mulleres cantareiras e pandeireteiras polo Día das Letras pero ata chegar a esa xornada as mulleres pandeireteiras levan moitos anos creando e mantendo a tradición deste país sen que lles dera nunca importancia. Criamos que era de lei darlles ese espazo e coñecer o traballo que fixeron. Eran mulleres que non sabían nin ler nin escribir e compoñían as súas propias letras. Iso é algo incrible e hai que visibilizalo. Tamén queremos que as que estamos no presente se nos escoite, que se saiba que estamos aquí para abrir camiño ás que veñen detrás».

Tracking Pixel Contents