Adeus a Bernardino Graña, «poeta do mar» e voz esencial da literatura galega

O escritor, mestre e fillo predilecto de Cangas, finou con 92 anos na residencia de Nigrán onde pasou os seus últimos días | Esta tarde será a despedida no tanatorio, con música e poesía

Bernardino Graña Villar,  nunha fotografía  realizada hai unha  década no día do seu  aniversario.

Bernardino Graña Villar, nunha fotografía realizada hai unha década no día do seu aniversario. / Colón

gonzalo martínez/ David García

«Se morro, xa sabedes,/ deixádesme en Rodeira,/ no areeiro de Cangas, xunto ao mar». Son versos do poema Se morro de Bernardino Graña, do seu afamado libro Non vexo Vigo nin Cangas, publicado en 1975. Desde onte ese mar de Cangas, e por extensión a cultura galega, choran a perda do poeta do mar e do amar. Bernardino Graña Villar finou este sábado en Nigrán, onde residía desde hai anos na residencia Stella Maris. A estrela do mar. Fillo predilecto de Cangas, o seu corpo foi trasladado ata o tanatorio da villa do Morrazo, por donde amizades e persoeiros da cultura galega están a pasar para despedir a unha das voces fundamentais da nosa literatura da segunda metade do século XX e dos albores do XXI. Hoxe pola tarde, ás 16.30 horas, celébrase unha cerimonia de despedida laica, con música e poesía, previa á súa incineración na intimidade familiar.

«Pérdese un magnífico poeta e un gran amigo», sinalou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, dos primeiros persoeiros en chegar ao tanatorio cangués. «Perde o mar de Cangas e das rías de Galicia, autor desde libro magnífico que é Profecía do mar, un canto ao seu territorio da emoción que era o mundo mariñeiro, cunha língua propia que é un patrimonio en si mesmo», engadiu. Tamén quixo salientar a súa preocupación e produción de literatura para os máis novos. «Vaise un dos grandes poetas que deu a Galicia contemporánea», resumiu o director xeral de Política Linguística da Xunta, Anxo Lorenzo, que incidiu na importancia do grupo Brais Pinto, ao que pertenceu Bernardino Graña, «na renovación de linguaxes e na innovación e modernización da literatura galega». «Dende a Corporación de Cangas pensamos que a súa obra fainos máis sensibles, máis humanos. O mestre estará sempre presente como alicerce fundamental da memoria, da historia canguesa. Bernardino foi, é e será un inmenso orgullo para Cangas», suliña o Concello nunha declaración institucional.

Profesor e catedrático de Lingua e Literatura, poeta, novelista e autor dunha extensa obra adicada ao público infantil e xuvenil, a saúde de Bernardino Graña foise esgotando e nas últimas semanas sufriu dúas caídas, das que xa non puido repoñerse, para finar na madrugada do venres ao sábado. «Pero hoxe mesmo o día abriu en medo/ entrou na fiestra un sol estrano inmenso/ e deixáchesme o leito en mantas frías./ Está a volver agora corazón adentro/ a soedade o podre a agonía/ a me pinchar as cousas en millóns de pugas/ cada minuto en séculos de agullas». Son outros os que agora quedan e se preguntan «Como hei vivir mañán sen a luz túa?», coma no poema ao que pertencen estes versos.

Bernardino Graña naceu en Cangas o 27 de setembro de 1932, nunha casa da rúa Alfredo Saralegui. Unha placa colocada na fachada (por dúas veces) lembra o acontecemento: «Mariñeiros de Cangas, meus amigos,/ meus irmáns de salitre e sol e chuva», son os versos que o acompañan. O seu pai era o mestre Bernardino Graña Refojos, que tras aprobar as oposicións estaba destinado na localidade ourensana de Ribadavia. Pero perdeu o posto de traballo tras a Guerra Civil polos seus ideais republicanos e acabaría fundando con outros compañeiros unha academia en Ribadavia, na que estudaría Xesús Alonso Montero, que logo chegaría a ser presidente da Real Academia Galega.A principios da década de 1950 a familia retornou a Cangas, onde Bernardino Graña pai fundaría a Academia Morrazo, na que se formaron varias xeracións e onde o propio Bernardino fillo impartiría clases.

O insigne cangués formou parte do consello de redacción da revista poética Alba, foi articulista en diversos xornais, entre eles Faro de Vigo, e participou na creación en 1958 do grupo galeguista de intelectuais, artistas e escritores Brais Pinto, que se formou en Madrid. Foi ademais un dos impulsores e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), do que da constancia un monolito nos xardíns do Sinal, e tamén profesor de instituto en Cangas, en Rodeira e no María Soliño. A eles, como a Moaña ou Nigrán, arribou a exposición documental Bernardino Graña. O home que quixo vivir , de Xan Leira, para achegar á xente nova a vida e a obra desta figura insigne das nosas letras.

A obra de Bernardino Graña abrangue tódolos eidos: desde a poesía, con títulos como Profecía do mar, Non vexo Vigo nin Cangas ou Se o noso amor e os peixes; á narrativa, con novelas como A fuga a Exipto ou O neno mariñeiro; e a literatura infantil e xuvenil, con máis dunha vintena de títulos, como O león e paxaro rebelde, O gaiteiro e o Rato Pérez, Contra o león covarde, Larpancia saborosa do lobo e a raposa ou Tragaxoán e Tragadiño. Precisamente os contos populares e a figura de Rosalía foron o eixo do seu discurso de ingreso na RAG en xuño de 2010. Un discurso no que comezou falando da súa infancia e do ser galego, que comparou co mar e cos peixes. «Os galegos somos como os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo como nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar castelán e impulsarnos contra corrente».A finais desa década de 1950 Bernardino Graña foi un dos intelectuais galegos que fundou en Madrid o grupo Brais Pinto, marcados polo antifranquismo e a vocación de defensa do galego e renovación da cultura galega.

A figura de Bernardino Graña tamén ten dado para unha tese de doutoramento, a do mestre Héitor Mera, coa particuliaridade engadida de que foi a primeira aceptada pola UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia) para ser defendida en lingua galega, en outubro de 2008. Mera tamén promoveu poñerlle o nome do poeta Bernardino Graña á Casa da Cultura de Cangas, e iniciar daquela o expediente para que fora nomeado Fillo Predilecto da vila.

Tamén deixou pegada Bernardino Graña noutros escritores e discípulos como Xosé Manuel Millán: «Amigo Bernardino/ desde o teu mar de cangas/ esquecín que che debo as palabras máis simples/ rol con ardentía arneirón liña baixío siria bou laño...» As súas xentes, navegantes das letras e dos océanos, comparten esta tarde un adeus ao poeta do mar de Cangas e voz esencial da literatura galega.

«Deixa un legado inmenso desde a óptica cultural, literaria e humana»

Bernardino Graña foi nomeado Fillo Predilecto de Cangas en febreiro de 2022. A Corporación aprobou por unanimidade concederlle esta distinción ao insigne autor, que ademais de ser membro da Real Academia Galega (RAG) recibira pouco antes o Premio da Cultura Galega. Héitor Mera, exconcelleiro de Cultura, mestre e un dos maiores expertos na obra de Graña, argumentou que o autor deixa “un legado inmenso desde a perspectiva cultural, literaria e humana», e por tanto non se trataba tanto de defender os seus méritos, senón de facerlle un repaso. “É de xustiza agradecer e honrar a un dos fillos máis destacados da historia de Cangas», e merecedor de ser o seu «Fillo Predilecto».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents