Seis mil apelidos á busca da súa forma
A Real Academia Galega estrea unha ferramenta para «facilitar» a restitución das versións «propias» dos nomes | Permite baixar un informe para axilizar o trámite no Rexistro Civil
C. Villar
Se vostede, lector ou lectora, se apelida Mariño ou Méndez, saiba que é unha das persoas que herdou o nome de familia na súa forma galega estándar, sen deturpar, xusto o contrario do que lle aconteceu a moitas das estirpes que comparten o apelido Otero, nas que só sobreviviu Outeiro nunha minoría de casos. Son tres exemplos que puxo onte a académica de número Ana Boullón, integrante do equipo redactor e coordinadora da «Guía de apelidos galegos», unha nova ferramenta en liña que a Real Academia Galega (RAG) estrea e que permite «facilitar o coñecemento das formas propias» dos apelidos galegos e «axilizar» a posibilidade de dar un seguinte paso, o da súa «restitución», facilitando a descarga automática dun certificado que pode presentarse nos rexistros civís no que a institución acredita a forma «correcta» dos que foron alterados. Cada vez son «máis» as persoas que petan á porta da RAG demandando esas certificacións, aseguran dende a institución, e que ás veces aínda «topan unha resistencia» nos rexistros civís.
Conforme a Boullón, «a deturpación dos apelidos comezou no século XVI, cando o galego foi desprazado da escrita». A castelanización evolucionou coa xeneralización dos rexistros e ás veces dependía da persoa ou da institución que procedía á inscrición. A Diócese deTui é un exemplo de entidade «tremendamente castelanizadora», recolle a RAG. Porén, sinala Boullón, «foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas». «No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas trescentos Outeiro», engade. Ese proceso culminou nunha fotografía —tomada a partir dos datos do Censo de 2001— que revela unha castelanización que afecta «aproximadamente» ao 16% dos apelidos. Malia a que supoñen ao redor de un de cada seis, entre os damnificados atópanse algúns dos «máis frecuentes» e, por tanto, con maior visibilidade social. Nalgúns nomes de familia cómpre «reverter» castelanizacións á forma orixinal (caso de Martís ou Afonso, transformados en Martínez e Alfonso ou Alonso) e noutros restituír á forma propia os que derivaron en híbridos (Teijeiro ou Sotelo no canto de Teixeiro ou Soutelo).
Así e todo, os apelidos orixinais ás veces foron quen de sobrevivir na tradición oral en forma de «alcumes de casa» e amosaron esquelas así o testemuñan. Iso si, desterrados dos documentos oficiais. A «Guía de apelidos galegos» está concebida tamén con vistas a contribuír a que eses apelidos poidan retornar ao terreo do que foron exiliados, o da Administración. Segundo Boullón, o que pretende o traballo é que as persoas poidan averiguar cal é a forma estándar do apelido e tamén que saiban que poden proceder a restituílos «á súa forma xenuína» porque así o permite a lexislación. «Coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión», sostén. Nos últimos anos, as solicitudes de acreditación que recibe a Real Academia van a «máis», explicou, e Henrique Montegudo, vicesecretario da RAG, apuntou que rexistraron «varios milleiros» de peticións de información ao respecto e certa «resistencia» nalgún rexistro.
A forma «estándar»
Na actualidade, explicou Boullón, a casuística dos apelidos en Galicia é «moi variada». O primeiro criterio para considerar unha forma galega como «estándar» é que sexa galega, explicou, o mesmo que acontece na toponimia, de aí que todas as variantes dialectais se encadren nesa etiqueta. Un exemplo sería Louzán, noutra versión Louzao. Con todo, a forma máis repetida en Galicia é «Lozano», con máis do dobre de aparicións.
Se a RAG xa ten afondado nos antropónimos cunha guía específica —«Guía dos nomes galegos»—, co traballo presentado onte en Santiago o seu Seminario de Onomástica multiplica por catro un primeiro catálogo de apelidos que publicara en 2016 mentres segue a traballar nun «Dicionario de apelidos» que aportará detalles sobre a orixe deses nomes familiares e a súa distribución.
Víctor Freixanes, presidente da RAG, defendeu a relevancia destas investigacións: «Os apelidos son a marca da estirpe. Recoñecémonos na tradición da familia nos apelidos». A guía que a institución presentou onte permite coñecer a forma estándar de máis de seis mil apelidos que abranguen aproximadamente ao 95% da poboación.
- Denis Genreau: «Mi padre se emocionó mucho cuando le dije que el Deportivo estaba interesado en mí»
- Detenido un hombre en Monte Alto por sospecha de retención ilegal de su madre
- Abanca y Caixa Rural tendrán que devolver dinero sustraído a clientes gallegos víctimas estafas por 'phishing
- Cuándo, dónde y a qué precio comer las laconadas de las Lacónicas de A Coruña
- Hijos de Rivera impulsa una fábrica de proteínas vegetales en Curtis
- Víctor García: «¿Denuncia? Se ensució con los comunicados, tendrían que haberlo hecho de forma privada»
- Uno de los futbolistas españoles del momento desvela su sentimiento por el Deportivo: 'En casa había un amor total
- La ampliación del hospital de A Coruña derriba la escuela infantil Golfiño: «Me da mucha pena»