Alfonso Rueda destaca a importancia do «xornalismo próximo e de calidade»

O presidente da Xunta presidiu o acto de entrega do Premio Diego Bernal ao lucense José de Cora

R.S.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou onte a importancia dun «xornalismo próximo ao cidadán e de calidade para difundir información veraz e afastar aos extremismos». Fíxoo no Hotel Puerta del Camino de Santiago durante a celebración do acto de entrega do Premio Diego Bernal, que este ano outorgou a Asociación de Periodistas de Galicia (APG) a José de Cora pola súa «extensa e intensa traxectoria para un amplo abano de medios de comunicación», así como a súa «prolífica produción literaria» e «as súas incursións no mundo do audiovisual a través de series de televisión ou longametraxes».

Rueda quixo homenaxear e recoñecer o labor do galardoado resaltando a súa actividade comprometida e honesta.

Nado en Lugo, en 1951, José de Cora foi redactor da Agencia EFE (1970-79) en Madrid e na súa delegación de Santiago, onde coincidiu durante varios meses con Diego Bernal. Na actualidade, desempeña o posto de vicepresidente e conselleiro editorial de El Progreso, ademais de continuar co seu labor de columnista político.

Na súa intervención, o galardoado asegurou: «Representar ao xornalismo galego é un orgullo que intentarei levar con soltura e sen agonías por tan alta honra, porque o certo é que, queridos compañeiros, facédesme sentir o peso, se non da púrpura, si da pluma».

Pola súa banda, a presidenta da APG, María Méndez, destacou de José de Cora a súa «constancia e bo facer, así como a procura incesante da verdade, a defensa da liberdade de expresión e o compromiso coa nosa sociedade».

Tracking Pixel Contents