«Non se trata de impoñer a lingua, senón de dar exemplo social e político»

A Real Academia Galega é un dos interlocutores no Pacto pola Lingua. A institución advirte nun informe do retroceso do galego e urxe ao Goberno a actuar, mais tamén reclama a implicación de toda a sociedade. O seu presidente, Víctor F. Freixanes, que afronta a recta final dun segundo mandato no que traballou, di, pola «dignidade e eficiencia» da entidade, é, malia todo, «optimista» respecto ao futuro do idioma

Freixanes, na facultade de Xornalismo, en Santiago. |  Xoán Álvarez

Freixanes, na facultade de Xornalismo, en Santiago. | Xoán Álvarez

C. Villar

No informe da RAG sobre os datos do IGE indícase que o monolingüismo en castelán «avanza velozmente» e que os galegofalantes practican máis un bilingüismo «diglósico e asimétrico, por unilateral e substitutivo». Iso soa a falta de prestixio, non?

A lingua ten un problema de uso, pero dende a miña infancia ou adolescencia para acá demos pasos xigantescos en prestixio e recoñecemento legal. Na Academia estamos asinando un convenio co Congreso para que todas as leis aprobadas se traduzan ao galego e hai pouco fun a Madrid a un recoñecemento das linguas cooficiais no Congreso e iso era impensable na miña infancia. Como tamén o era ter unha televisión propia.

Un inciso para falar da TVG: pode facer produtos en castelán?

Non. Xa sei que argumentan con proxectar a cultura galega fóra, pero hai moitas fórmulas para facelo sen necesidade diso.

O Plan Xeral de Normalización xa cumpriu 20 anos. É tempo de darlle un repaso?

Dicíallo ao presidente da Xunta: isto cambiou tanto que esixe unha revisión crítica de que se fixo, que non e que se podería facer se cremos que realmente a lingua é a propia deste país. No Día das Letras Galegas de Luísa Villalta na Coruña fixen por primeira vez un chamamento a un pacto pola lingua que debería reunir non só a todas as forzas políticas conscientes de que aquí hai un patrimonio común que non podemos ignorar, senón tamén ás forzas sociais, porque, se o compromiso político é importante, tamén o é a sensibilidade de toda a sociedade e dos segmentos dominantes: banca, empresa, sociedades deportivas... Que o Deportivo, o Obradoiro, o Pontevedra ou o Celta utilicen a lingua como código de identidade dos equipos é fundamental, sobre todo para conectar con xente nova, porque o que nos preocupa é a perda de uso na xente nova. A sensibilidade pola lingua, non. Cando preguntas aos mozos e mozas polo galego case todos din amalo.

E entón por que non o falan?

Porque están nesa fase da autodeterminación persoal da adolescencia. Aínda non tomaron posición, pero teñen que atopar o marco adecuado para podela desenvolver e falar como me pasou a min. E hoxe o mundo son as redes sociais, as plataformas, a oferta de ocio... E precisan referentes. Por iso para min son tan importantes fenómenos como Caamaño&Ameixeiras, as Fillas de Cassandra ou as Tanxugueiras, que crearon na xente nova unha consciencia da lingua. Hai que traballar aí. Nós abrimos espazos de colaboración en «Voces novas para a lingua», onde presentamos o idioma vivo en sectores novos como Baiuca, Elena Ferro ou Vero Boquete, que participan nese xogo e que afirman a súa identidade, non incompatible con outras linguas, porque algo que caracteriza as identidades modernas é o plurilingüismo.

De que plurilingüismo fala?

As sociedades modernas avanzadas son plurilingües. Hai unha lingua de identidade, que neste caso é o galego, pero despois hai tantas linguas como a persoa necesite para o seu desenvolvemento persoal, intelectual, económico... O que temos que facer é traballar a lingua de identidade colectiva e darlle valor e iso significa promover o seu uso e en todo momento, dende o prestixio das institucións. E cando falo de institucións non só falo das políticas, senón de todo tipo, coma un club de fútbol. Todos temos algo de institución. Volvo ao prestixio: nunca a lingua galega tivo un recoñecemento nos creadores (cinema, música, literatura...) coma agora., pero no ámbito do uso, sobre todo na xente nova, e da transmisión, hai unha responsabilidade social tamén obxectiva, de que os pais e as nais falen e usen o galego na casa con naturalidade cos fillos. Debemos ter un compromiso e unha conciencia do valor do idioma e hai unha responsabilidade do sistema educativo.

Que non funciona ben, din...

Da escola teñen que saír rapaces e rapazas con perfecto dominio dos dous idiomas cooficiais en Galicia e iso non se cumpre.

E se tivese que escoller entre que un neno aprenda Matemáticas en galego ou que fale galego no recreo, que elixiría?

Non acepto o dilema porque non é incompatible, pero, se teño que pronunciarme, escollo o recreo.

De presidir a Xunta, que ordenaría a prol da lingua?

Dar exemplo lingüístico de uso de todos os responsables de poder político. A vida, a educación, faise dende o exemplo. Non se trata de impoñer nada a ninguén. Por iso se cadra non daría ningunha orde, pero si estimularía as políticas que puidesen axudar ao desenvolvemento e á creatividade dos axentes sociais, culturais, científicos, a prol do idioma. Sería unha estratexia. E que a lingua estivese presente dun xeito activo no conxunto da sociedade. E hai que traballar coas familias: teñen que percibir que formar aos seus fillos en galego é formalos nunha lingua que vai ser valorada na práctica laboral. E non pode haber un funcionario que diga que non ten obriga de saber galego. Pero non se trata de impoñelo, senón do exemplo social e político, a coherencia nas actuacións.

O galego está achegándose perigosamente ao colapso, advertía a RAG no seu informe...

Como acontece cos nenos, nas medras o corpo perde defensas, pero, se sae do virus, faino reforzado e hai un estirón. Coa lingua estamos agora nesa crise de crecemento. Se non lle damos vitaminas, se non a tratamos con antibióticos, pode ser mortal. Por iso defendemos que ten que haber unha política lingüística decidida a prol do galego, con recursos e con vontade obxectiva. Esa é a vitamina que necesita a lingua, que pode dar un estirón, un salto cualitativo cara a adiante. Temos que ser conscientes da riqueza que temos e de como traballala. Como lingua de identidade, o galego é unha marca propia e a identidade é un valor económico fundamental.

«Quedar fóra do diálogo do Pacto pola Lingua sería un erro»

Agora os partidos políticos disputan por quen quere máis a Castelao. Todos os partidos queren a lingua por igual? Non. Nin a Castelao. A RAG di que a situación da fala é responsabilidade da sociedade galega, pero sobre todo de quen detén o goberno. Claro. Aí é onde se ve. Volvo ao Plan Xeral de 2004. En 20 anos, aplicouse? O 80% das medidas non se aplicaron porque a vontade política non existía. E agora si? Téñeno que demostrar. Onde se ven as cousas é na práctica: «obras son amores”. Pero é moi importante aprender a escoitar as razóns dos outros, porque hai moita xente que ten tamén razóns, e hai que escoitala para tomar medidas e poder axudar a esa construción do patrimonio común. Quedar fóra dese diálogo sería un erro inmenso.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents