O arranque libreiro das Letras Galegas
As iniciativas ao redor do Día das Letras Galegas arrancan xa coa publicación dos primeiros libros sobre a poesía popular oral e cantareiras senlleiras que foron claves na súa transmisión. María Lado, Eva Mejuto e o proxecto «Somos pandeireteiras» publican os seus libros en homenaxe.
mar mato
Xunto a Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942), a suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) recompilou e anotou con todo detalle o «Cancioneiro Popular Galego», unha especie de enciclopedia sobre a música popular galega cantada. No ano 1978, visitou por primeira vez Galicia despois de investigar a música dos Balcáns, o Cáucaso, Alemaña e Francia. Como sería o caderno de viaxes polo noso país de Dorothé? Esta é a proposta do álbum ilustrado «Sei cantar e sei bailar» (Xerais) que asinan Eva Mejuto (texto) e Lucía Cobo (ilustracións).
«Dorothé aplicou no cancioneiro a metodoloxía de catalogación (novidosa daquela en Galicia) para ordenar e catalogar as letras, melodías, temáticas ou formas das cantigas. Ademais, púxolles nome ás persoas que cantaban e tocaban: gravou a súas voces, explicacións en centos de cintas que hoxe podemos consultar e escoitar no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego», sinala Mejuto no comezo do libro.
No inicio, vemos unha ilustración que amosa a Schubarth subida á ponla dunha árbore, cun caderno e un bolsón. Anuncia que vai na busca de «tesouros», música, cantigas que están na memoria das mulleres que as gardaron. «Os cantos, coma os contos, serviron para narrar a vida, para explicar o mundo, para arredar o frío e o medo», escribe Mejuto.
Nas páxinas seguintes, narra os lugares que transitou Dorothé, as xentes que coñeceu e gravou. Algunhas estrofas das coplas aparecen no álbum.
As anécdotas son múltiples como a de marzo de 1980 cando na casa das labregas Adolfina e Rosa lle cantaron toda a tarde case 200 coplas, unha cantiga e un aguinaldo de Nadal a ritmo de pandeireta e dun prato. Nese día, houbo foliada de verdade na casa con varios veciños a bailar e cantar mentres eran gravados pola investigadora suíza, moi interesada en que detallaran como tocaban cada melodía.
Explicaba onte Mejuto a FARO que «para este libro, traballei o fondo documental de Dorothé, tamén os documentais feitos sobre ela, o que ela deixou escrito das súas conversas coas señoras no cancioneiro que está accesible a través de internet».
Recoñece a escritora que «na medida do posible intentei recuperar a súa voz e experiencia a través do material que deixou. O que busco realmente é que a rapazada vaia á web do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (apoi.museodopobo.gal/).» para que escoite as gravacións e lea os detalles.
Outro libro arredor das Letras Galegas é «Canta, miña compañeira. O legado das cantareiras» (Xerais), de María Lado. Nun vídeo que vemos a través do código QR das primeiras páxinas, lado explica que nel se pode atopar información das cantareiras homenaxeadas pola RAG así como datos curiososos sobre a Galciia cando elas eran nenas, como era a vida nas casas e como foi cambiando o país ata agora. Tamén recomendacións de grupos actuais relacionados coa tradición.
Na obra, sinala que as mulleres aprendían as coplas «unhas de outras. Non foron escritas por ninguén, non hai unha autora que as asine. Pertencen a toda a comunidade».
Tamén explica que antes se cantaban nas foliadas, «festas dun tempo (ata mediados do século XX) onde se querías música, tiñas que facela» pero tamén cando ían a pé polos camiños, cando traballaban... «Daquela cantábase todo o tempo», sinala Lado.
O libro tamén serva para coñecer as cantareiras homenaxeadas pola Real Academia Galega para as Letras Galegas. A primeira parada faina en Cerceda (A Coruña) onde nos presenta a Rosa e Adolfina Casás, dúas labregas gravadas por Schubarth.
A segunda é en Muxía para coñecer a Eva Castiñeira, a primeira pandeireteira galega que acompañou no palco a un grupo folk, Milladoiro na Coruña no 1981.
A terceira parada é en Malpica, para coñecer as pandeireteiras de Mens. Eran cinco pero a RAG recoñece a Prudencia Garrido Ameijende, a súa irmá Asunción e Manuela Lema Villar.
- La coruñesa Rosa rompe su silencio y denuncia lo que está pasando en 'Pasapalabra': 'No eres consciente
- Así era la 'pequeña Ibiza coruñesa': una discoteca que revolucionó las noches de A Coruña en los 90
- Los gritos de Melody en la alfombra roja de los Goya que desquiciaron a Jedet: '¿Puede dejar de cantar?
- El absentismo en la recogida de basura continúa: 1 de cada 4 trabajadores no acude a su puesto
- Un pueblo con playa de la provincia de A Coruña está entre los más baratos para comprar una casa: 645 euros el metro cuadrado
- El truco viral de un chef para dar la vuelta a la tortilla de patatas 'sin liarla
- Luz verde a la ordenación para unos 200 pisos en dos edificios en Visma
- En el horizonte del Deportivo aparece el Eldense, el equipo del robo fantasma y Cris Montes