Entrevista | María Xosé Queizán Escritora, feminista
«Inda teño gravadas as cousas que me dicían os curas polo teléfono»
O MARCO de Vigo acolle hoxe unha nova homenaxe a María Xosé Queizán. Será a partir das sete da tarde coas intervencións de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Carme Adán, Helena González, María Xosé Porteiro, Iolanda Veloso e o recital de Marga do Val. A condutora do acto, Inma López Silva. Falamos con Queizán do seu último libro e de retazos da súa vida

María Xosé Queizán, na súa casa, en Vigo. / Alba Villar
Mar Mato
No seu último libro, «Metáfora da metáfora» (Xerais), escribe: «Sen adulterio non hai paixón». De verdade o cre?
O adulterio aparece como un amor apaixonado porque parece que no amor de casados non hai paixón. Refírome a que o adulterio implica paixón. Son cousas poéticas.
Debemos ler os seus versos na procura de pegadas autobiográficas?
Eu só lle podo dicir unha cousa. A miña vida non ten que ver coa miña poesía.
Ao longo dos anos sentiuse inxustamente tratada? Se o que fixo vostede o tivera feito un home, tería mellor consideración?
O que faga unha muller e o que faga un home son cousas distintas. Non vai ser visto nin apreciado nin observado igual nunca. Non só comigo, senón con calquera outra muller. Hai unha enorme diferencia en como se ve a obra dunha muller e a obra dun home. Non se ve igual na sociedade. O que ocorre é que eu igual son máis desprexuizada e non me importa dicilo ou comportarme dunha maneira libre.
Podemos dicir que a liberdade sexual está conquistada ou aínda estamos lonxe?
Supoño que chegará un día no que estará amarrada pero neste momento non hai liberdade sexual. Hai unha grande equivocación. Considérase que as mulleres son libres e que fan o que os homes queren que fagan. É típico da sociedade actual. Iso non é liberdade. Liberdade será cando as mulleres fagan o que queren facer. En relacións cos homes é difícil que o fagan. Normalmente, hai unha obediencia moi grande por parte das mulleres. Elas non o din, cren que son libres pero non é certo porque fan o que aos homes lles gusta, non o que lles gusta a elas. En xeral, a muller segue moi sometida ao que dirán.
Vostede estivo nos inicios da Unión do Povo Galego (UPG). É a autodeterminación de Galicia unha quimera?
Quimeras non hai. Non creo que haxa quimeras para Galicia; o que si hai é un atraso enorme, un atraso cultural. Non todo o mundo ten a mesma idea de Galicia. Primeiro, habería que chegar a un acordo sobre que entendemos por Galicia. Logo, habería que reflexionar sobre iso. A idea sobre Galicia varía moitísimo na xente. Iso si, a idea que se ten fóra mellorou e mellorará máis porque o noso clima será privilexiado no futuro.
En Mulleres de Ursula Heinze dedicáballe un capítulo a vostede. Nel, entre outras cousas, relataba os rexistros do fogar por parte da policía cando vivía con Ferrín. Eu imaxinaba o terror que podía sentir...
Eu son unha persoa moi pouco medrosa. Vivín aquela época moi profundamente, implicábame. Eu era igual de radical ou máis radical ca el. Non me asustaba a policía; consideraba os rexistros normais dadas as circunstancias [políticas e históricas, a ditadura franquista]. Ao contrario, eu poñía os axentes a parir.
Despois, facíanlle moito a vida imposible?
Si, pero sabes quen? Por teléfono, os curas. Inda teño gravadas as cousas que me dicían os relixiosos. Poñíanme a parir. Eu nunca ocultei o meu ateísmo. A eles, iso non lles gustaba nada. A relixión sempre machacou este país.
A súa novela Amor de tango é unhas das novelas contemporáneas con máis reedicións.
Amor de tango é un bestseller porque é a novela de Vigo e púxose de moda.
Calidade tamén ten.
Tamén a hai noutros textos e non se fixeron tan populares. Son moi desmitificadora e empezo por min mesma.
O que máis me impactou do libro eran as violacións que cometían os señoritos das conserveiras e como o paseo na Alameda de Vigo estaba delimitado en tempo e espazo segundo a clase social. As pobres non podían pasear pola zona das ricas ao mesmo tempo. Era un clasismo inhumano.
Era así. Non sei ata cando durou pero cando eu era nova xa non había iso. Por iso digo que o mundo avanza sempre. A xente que cre que o pasado era mellor é reaccionaria. O pasado sempre foi peor que o presente e o futuro será mellor.
Haberá que velo...
Non te poñas en plan reaccionaria. Seguro que será mellor pero depende de ti, de ela e do resto de persoas. Eu xa fixen o meu polo futuro. A vós correspóndevos o futuro das vosas fillas e fillos. Non o esquezades. A sociedade non avanza soa. Nada sucede porque si, avanza porque hai persoas que se preocupan por que avance. Así que, veña! Acción!
«Os poetas cantan o que non existe, a idealización da muller»
No último poemario, Metáfora da metáfora, entendemos que a voz feminina foi anulada polos poemas dos homes.
No poemario, o poeta di cousas sobre a amada e eu respóndolle con ironía. É unha especie de crítica porque os poetas idealizan a muller que cantan. Ese mito acaba mancando as mulleres porque é procurar... ...algo que non existe. Non é a muller real, senón a idealizada. É unha idealización. «O amor feliz non ten historia» significa que ten que haber drama? Non, obrigatorio non hai nada. En xeral, sempre se fala co amor cando é marabilloso. Non hai poemas que narren o mal que o pasaron, como se rompeu.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sin seguro tras ocho años en el taxi por A Coruña
- Activada la búsqueda de un desaparecido al caer al mar en Punta Herminia tras ser arrollado por una ola
- EN DIRECTO | RC Deportivo - FC Cartagena
- Dolores Vázquez, premio Úrsula Meléndez de Texeda: «Para mí, en mi corazón, todavía necesito un perdón del Gobierno»
- Oleiros blinda seis zonas comerciales para evitar ser «ciudad dormitorio»
- El futuro de la intermodal de A Coruña, más cerca: la estación de autobús toma forma
- 4-2 | El Liceo se lleva los puntos y Bargalló el cariño en su último baile en Riazor
- «Al llegar a Oza-Cesuras me di cuenta de que no todo se aprende en la facultad»