Entrevista | Víctor F. Freixanes Presidente saínte da Real Academia Galega (RAG)
«Algúns pronunciamentos da RAG non sentan ben nas esferas do poder»
Víctor Freixanes vén de rematar como presidente da Real Academia Galega (RAG). Foron oito anos nos que aumentou a presenza da muller no pleno, tamén nas homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Defende que a fenda pola marcha de Ferrín está superada. Quedaron pendentes a gramática, o dicionario bilingüe galego-castelán e o etimolóxico, así como o cambio dos estatutos da Academia para abrir a porta á xente máis nova

Víctor Freixanes. | Xoán Álvarez
Mar Mato
De que iniciativas está máis orgulloso do seu mandato?
Primeiro, a política de comunicación que desenvolvemos dende a institución. Tamén destaco a produción audiovisual e nas redes pensadas para a xente nova. A finais de ano, presentaremos o dicionario bilingüe galego-castelán que coordina Dolores Palomino. Polo de a gora, está deseñado e con algunhas cousas avanzadas. É un proxecto a anos. Haberá que abordar os recursos económicos necesarios. A final de ano, creo que ocuparemos a nova sede da Academia. Non podo falar só dunha cousa... tamén destaco o clima de colaboración.
Foron uns anos máis tranquilos despois do periodo belixerante trala saída abrupta de Ferrín e o conflito de bandos?
Houbo unha época de tensión pero afortunadamente iso está superado porque todos, e subliño todos, fixemos un esforzo para superalo e crear un clima de traballo e colaboración. Somos moi conscientes da significación da Academia e da súa importancia na sociedade galega.
Nos últimos anos, houbo un incremento da presenza da muller no pleno da Academia pero elas seguen en minoría. Son nove fronte a 28 homes.
Os académicos numerarios son vitalicios. Ata que haxa baixas, non podemos pensar en novas incorporacións. Un proxecto que temos en marcha é a reforma dos Estatutos. Se fas unha análise, durante os meus anos de presidencia, da incorporación de mulleres tanto en académicas de número como de honra e correspondentes vemos que nos últimos anos a presenza da muller foi moi notable. Na executiva, sempre houbo de cinco persoas, tres mulleres de moitísimo nivel. Neste caso, Fina Casalderrey, Margarita Ledo e Marilar Aleixandre son tres grandes espadas. Eu sentinme moi arroupado por elas. Se cadra iso é o que imos botar de menos, ese equipo apretado durante estes anos.
En canto á reforma dos estatutos, por onde queren tirar?
Dependerá da nova executiva e do equipo da nova presidencia. Na miña etapa, falamos de pensar fórmulas como as que teñen no Instituto de Estudos Cataláns ou a Academia Vasca de poder animar a incorporar a xente máis nova. Iso hai que estudalo. O novo equipo decidirá que comisión traballará para reformular os estatutos.
Supoño que estará contento de que aumentase tamén o número de mulleres recoñecidas no Día das Letras Galegas.
Ese non é un mérito meu senón das mulleres. A lingua ten nestes momentos unha luz e unha sombra. Nunca houbo tanto recoñecemento público dentro e fóra de Galicia para as creadoras e creadores galegos, fundamentalmente para elas. A literatura deu un salto cualitativo enorme respecto de cando eu empezaba a escribir. Naquel momento, había media ducia de escritoras; agora a presenza da muller na literatura é enorme.
Que di da situación do galego?
É unha responsabilidade do conxunto da sociedade. Primeiro, dos políticos. Segundo, de todos nós. A lingua ten que estar viva no conxunto da sociedade. A Academia non deseña a política lingüística pero nós si propuxemos o Pacto pola Lingua. Ten que haber un gran pacto nacional polo idioma galego onde estean as forzas políticas e sociais no seu conxunto.
Hai voces que lle quitan ferro ao asunto ao sinalar que o galego acabará converxendo cara o portugués.
O camiño que lle queda ao galego é que o usemos, que etiquetemos os bos produtos na nosa lingua. Así faise patria. Facer prensa en galego é facer economía de país. Podemos apoiarnos no portugués para fortalecer a nosa lingua pero o galego é o galego. Non podemos inventalo; non podemos solucionalo co portugués. Ese discurso de que inventamos unha lingua é mentira. O outro día discutimos unha palabra. Nós dicimos folga, non greve. A Academia non o acepta.
Hai quen cre que a declaración que fixo a RAG ante os resultados da Enquisa do Galego foi morna. Pensan que vostedes tiñan que ser máis cañeiros.
Iso díoo algunha xente mentres outra di o contrario como que ideoloxizamos os datos, cousa que non é certa. A Academia traballa con parámetros científicos para coñecer e estudar a realidade. Nós denunciamos a situación do idioma como fixen na miña intervención no Día das Letras Galegas de hai un ano. Os pronunciamentos da Academia son inequívocos, proba é que non sentan ben nas esferas do poder. Hai xente que pensa que manipulamos o idioma para ir contra o poder.
Supoño que estar no medio de dúas olas resta folgos ás veces.
Non. Unha institución debe estar por riba deses avatares, do que diga unha persoa nunha rede social. Temos que traballar con seriedade; non podemos facer demagoxia.
A nivel orzamentario, o Goberno español portouse ben?
Hai un apoio económico para a renovación da sede da rúa Tabernas que agradecemos. En canto ao que recibimos do Estado en comparación coa RAE, é infinitamente menor. Agora, son os mesmos cartos que lle dan aos vascos e cataláns. Non podemos dicir que estamos discriminados (máis de 300.000 euros). Despois, recibimos doutras institucións como a Xunta, as deputacións —a de A Coruña é a que máis aporta— e a Fundación Barrié. En total, andamos ao redor do millón de euros para facer fronte ao ano. A Academia Vasca ten case 3,5 millóns e os cataláns teñen case catro veces máis. Os académicos non cobramos, non temos un salario; pero cando tes que contratar investigadores tes que profesionalizar esa xente. Teremos que seguir loitando.
Non sei se a lei permite que as empresas poidan aportar algo.
Iso xa se intentou. Foi outra das cousas que traballei, e que na reforma dos Estatutos teremos que abordar para ver como dar apertura ao que chamariamos á sociedade civil, organizacións non políticas.
Quedoulle pendente a Gramática.
É unha cuestión moi custosa de facer. Vai ser moi ambiciosa. Diríxea Rosario Álvarez Blanco. Temos os recursos económicos que temos para facer fronte a todo iso. Hai un proxecto de dicionario histórico etimolóxico e o nomenclátor. Este último témolo avanzadísimo e teno a Xunta na mesa pendente de aprobación. A idea é que antes de rematar o ano teñamos o borrador básico da versión definitiva. Logo haberá unha segunda parte que será a edición de todo iso. Vai ser unha gramática de última xeración. Haberá que facer versións accesibles como manual de uso.
Non hai previsión de cambios nas Normas de Uso do Galego...
Non, non son necesarias. Non hai demanda social. O problema do galego está agora no uso nas novas xeracións. A experiencia das cantareiras é espectacular pola cantidade de xente nova que se incorporou á lingua por elas. O desafío está nas redes e na produción audiovisual. A RAG non é a TVG nin á Dirección Xeral de Política Lingüística.
Suscríbete para seguir leyendo
- Veinte trabajadores, dos prácticos y cuatro muelles para el récord de cruceristas
- Diana Piñeiro, nueva alcaldesa de Cambre
- Borja Fernández: «Este ascenso tiene similitud con el que viví en el Dépor»
- Cinco cruceros coinciden hoy en A Coruña con 14.000 pasajeros
- Los gallegos, ajenos a las deducciones en la renta: solo el 5% se benefician
- San Juan será festivo autonómico en 2026 y A Coruña escoge otro festivo local
- Lo primero que le dijo el Papa Francisco al padre Yeray al ver la camiseta del Deportivo: «Le ganasteis la Copa al Real Madrid»
- Marc Anthony dará un concierto en A Coruña el 13 de julio