Díaz Pardo, unha figura irrepetible
O pintor, ceramista e creador foi homenaxeado nas celebracións do Día das Artes Galegas, nun acto no que se destacou a súa capacidade transformadora , a súa personalidade polifacética e a súa «reivindicación da memoria e a identidade de Galicia»

Xosé Díaz Arias de Castro, durante a súa intervención na homenaxe a Díaz Pardo. | Cedida
manu lópez
A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) homenaxeou onte nas celebracións do Día das Artes Galegas 2025 ao pintor, ceramista e creador Isaac Díaz Pardo. O acto institucional celebrouse no Teatro Principal de Santiago e contou coa asistencia do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, o académico de número da Sección de Artes da Imaxe e fillo do homenaxeado, Xosé Díaz Arias de Castro, e representantes institucionais.
Quintana Martelo destacou que que Díaz Pardo «foi unha figura transcendental da transformación das artes galegas no século XX, un galeguista, un intelectual sempre comprometido coa súa terra, un artista multidisciplinar, un empresario singular, un mecenas e un inventor; un gran innovador e artista vangardista que atopou no desenvolvemento da súa carreira á cerámica como vehículo ideal para canalizar gran parte da súa creatividade e das súas inquedanzas sociais e culturais».
Segundo o presidente da Academia, grazas ao bo facer de Díaz Pardo o pobo galego recoñece a cerámica de Sargadelos «coma nosa», e ao creador como o intelectual, que xunto a Luis Seoane, soubo plasmar en obxectos de uso cotián a identidade da cultura galega. «Foi quen de colocar as fábricas do Castro e Sargadelos na vangarda da produción cerámica española, introducindo o deseño industrial e rompendo co estancamento no que se atopaba a mediados do século XX», engadiu.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, celebrou a dedicación do Día das Artes Galegas a Díaz Pardo como «xusto recoñecemento de Galicia ao innovador legado cultural dunha figura inmensa e irrepetible». Deste xeito, salientou que a Xunta de Galicia tamén se suma a este recoñecemento co «principal proxecto deste 2025» do Museo de Belas Artes da Coruña, cunha exposición que será inaugurada en xuño.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, definiu a Isaac Díaz Pardo como «unha das persoas máis modernas e de vangarda da nosa cultura», unha figura tan ampla e xenerosa, con magníficas vertentes que fan del un home singular, único, que se nos presenta hoxe, trece anos despois do seu falecemento e xa cunha perspectiva de toda a súa traxectoria, como un ser irrepetíbel, un home con imaxinación inmensa mais tamén con vontade de construír».
Pola súa banda, Xosé Díaz Arias de Castro, nun emotivo discurso, fixo un percorrido pola traxectoria vital e creativa do seu pai, «un Isaac Díaz Pardo de personalidade polifacética e poliédrica». Como ben recolleu Xosé Díaz na súa laudatio, seu pai sempre alardeou de que a súa vida fora unha sucesión de «fracasos», pero o seu fillo quixo nesta semblanza transmitir os seus éxitos recoñecidos. Así, fixo un amplo repaso da súa traxectoria vital con especial atención aos fitos que máis sinalados.
Para repasar os feitos de Díaz Pardo, lembrar a súa figura, estudar o seu traballo e a súa achega transcendental á cultura galega, Quintana Martelo apuntou que os actos de homenaxe estenderanse ao longo do ano coa organización de conferencias, simposios, exposicións e análises en diferentes puntos de Galicia.
De Compostela a América e á fundación de Sargadelos
Xosé Díaz fixo un amplo percorrido pola vida e obra de seu pai, no que comezou falando da súa infancia na rúa das Hortas en Compostela. A súa adolescencia viuse truncada polo asasinato do seu pai en Palas de Rei a mans dos falanxistas, o que motivou o seu traslado á Coruña. Tras pasar por Madrid e outros lugares, en 1949 funda Cerámicas do Castro e en 1955 acaba indo a América.
«No seu exilio voluntario reencóntrase con Luis Seoane e crean o Laboratorio de Formas de Galicia, ademais de retoma a pintura na Pampa arxentina», indicou Xosé Díaz. O binomio formou esta entidade para guiar os emprendementos culturais e industriais na Galicia depauperada da ditadura.
A aventura americana remata en 1967. A partir de aí, o académico relatou como seu pai comezou a restauración da actividade cerámica en Sargadelos. Foi en 1970 cando se materializaron os dous proxectos máis importantes e prezados e Díaz Pardo: o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside e a nova factoría de Sargadelos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Así es la residencia del Deportivo: la casa que mima a las joyas blanquiazules
- Mollejo: «El Dépor debe asentar las bases para pelear por volver a Primera a partir del año que viene»
- Un legado para Sergio
- Vivenda avanza en su proyecto de pisos sociales en suelo que cederá el Concello de A Coruña
- Se buscan figurantes en Galicia para la segunda temporada de Clanes: esto es todo lo que necesitas saber si quieres participar
- Los conductores de bus denuncian que pierden «tres minutos» para girar ante la estación de tren de A Coruña
- Dos bocatas de A Coruña aspiran a convertirse en el Mejor Bocata de España
- Dos fallecidos y varios heridos, tres muy graves, en un accidente de tráfico en el paseo marítimo de Fuengirola