‘Iribarne’ conquista os premios María Casares, adicados ao teatro de furgoneta
A obra inspirada en Manuel Fraga fíxose con nove galardóns, entre a de mellor peza e texto orixinal, que levou Esther Carrodeguas, a dirección, de Xavier Castiñeira, e os mellores actores protagonistas, Lidia Veiga e Anxo Outomouro

Gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares na Coruña / Carlos Pardellas
O teatro é maxia, é ilusión, pero tamén é traballo e sacrificio. O dos intérpretes que se soben ao escenario, o dos oficios que permiten converter esas táboas no Universo. A 29ª edición dos Premios de Teatro María Casares, da Asociación Galega de Actores e Actrices, homenaxeou onte no teatro Rosalía de Castro da Coruña ás compañías «de furgoneta» que percorren as estradas sacrificándose por un bolo, e ao persoal técnico nunha gala na que Iribarne, baseada na figura de Manuel Fraga, de ButacaZero, que gañou nove galardóns dos 16 posibles, entre eles o da mellor peza.
Esther F. Carrodeguas recolleu o premio ao mellor texto orixinal por Iribarne, ironizando conque nunca pensou con que o político do PP «me ía dar tantas alegrías», e falou das dificultades de facer teatro en Galicia. «Somos unhas superviventes», sinalou. Xavier Castiñeira fíxose co galardón á mellor dirección cunha obra na que, dixo coa voz quebrada da emoción, o mérito é do elenco.

Un dos espectáculos durante os María Casares. / Carlos Pardellas
Lidia Veiga, mellor actriz protagonista, resumiu Iribarne en que lle «cambiou a vida», e o seu compañeiro Anxo Outomuro, o mellor actriz protagonista, denunciou a «crise cultural» do Concello de Ourense e pediu ás institucións manter as escolas artísticas, porque «é aí onde se sementa». «Señores do Partido Popular», deixen de destruír o país, dixo Diego Valeiras, ao recoller o premio a mellor vestiario pola obra.
O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, era unha grande favorita da noite, con catorce finalistas fronte ás doce de Iribarne, pero quedou en catro premios, en mellor espazo escénico; iluminación; adaptación ou tradución, que levou Catuxa Pato; mellor actriz secundaria, para Sabela Gago, que lle agradece aos seus compañeiros de profesion que lle axuden a soportar a «mediocridade» dos políticos e a súa política cultural. O mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas foi para Os contos do lobicán, de Redrum Teatro, mentres que a mellor peza infantil recaeu en Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas.
Non houbo só celebración, tamén reivindicación, con referencias recorrentes á TVG e Altri. Xosé Barato, secretario da asociación organizadora, saudou con ironía á alcaldesa, Inés Rey, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, que non acudiron, e Eva Fórneas, a vicepresidenta, denunciou a caída de emprego do galego, e houbo críticas á política cultural e lingüística da Xunta.

Iria Deive e Eva Albaladejo. / Carlos Pardellas
Barato opúxose nova lei de medios públicos audiovisuais aprobada no Parlamento galego, considerando que vai contra a independencia xornalística da CRTVG. «Necesitamos uns medio públicos que reflictan a vontade dun país», sinalou, que berra «Altri non»; unha frase presente en chapas de gañadores e que se repetiu discurso tras discurso. Tamén se elevou o berro de Palestina ceibe.
O premio de Honra Marisa Soto foi, a título póstumo, para Xabier Deive, presidente de academia nos anos da pandemia e tamén técnico antes que actor. Recolleron o galardón a súa muller, Eva Albaladejo, e a súa filla, Irea Deive, visiblemente emocionadas. A presidenta da asociación, Arantza Villar, indicou que o teatro pode «ser casa, e pode ser familia». A xornalista Belén Regueira leu o manifesto galego do Día Mundial do Teatro, e pediu non resignarse a que a xente nova prescinda do teatro e o xornalismo, pois ambos axudan a «construír a esfera pública, sen a que non é posible a democracia» e fiscalizan o poder.
A gala abondou en interludios cómicos e musicais, a cargo de Sarabela Teatro, un repaso irónico aos desafíos técnicos (e os peores, os causados polos humanos) para facer unha obra. Desde negociar cunha edil ás longas viaxes por estrada, de pelexar coas facturas a cadrar datas para poder traballar. «Imaxínate que a xente quere gozar pero tamén quere combater, e que nós lles damos a letra para cantar», sinalaron os actores ao final do espectáculo, mentres caían folletos cun himno que todos cantaron a coro, no que se chamaba a defender a igualdade, a sanidade, o teatro, a lingua, e unha vez máis, rexeitar Altri.
Os gañadores das 16 categorías
Mellor maquillaxe
Fernanda Barrio e Rocío Salgado por Pum! Pum! Quen hai? de Ártika Cía
Mellor vestiario
Diego Valeiras, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor espazo escénico
Iris Branco por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, e Diego Valeiras e Xavier Castiñeira, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor iluminación
Laura Iturralde, por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro
Mellor espazo sonoro
Berto, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor adaptación/tradución
Catuxa Pato, por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro
Mellor texto orixinal
Esther F. Carrodeguas, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor actriz secundaria
Sabela Gago, por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro
Mellor actor secundario
Toni Salgado, por Apaga o candil, de Contraproducións
Mellor actriz protagonista
Lidia Veiga, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor actor protagonista
Anxo Outomuro, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor dirección de movemento
Sabela Domínguez, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor dirección
Xavier Castiñeira, por Iribarne, de ButacaZero
Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
Os contos do lobicán, de Redrum Teatro
Mellor espectáculo infantil
Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas
Mellor espectáculo
Iribarne, de ButacaZero
- La coruñesa Rosa rompe su silencio y denuncia lo que está pasando en 'Pasapalabra': 'No eres consciente
- El 'Caribe Gallego' está a solo una hora de A Coruña: 'poco conocida' y con un paseo marítimo que merece la pena recorrer
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años
- Futuros inquilinos de pisos sociales de Xuxán renuncian por la subida de cuotas
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene alquileres desde 400€
- Los móviles de los vecinos de A Coruña y Arteixo recibirán una alerta general en caso de grandes emergencias en Agrela
- «Nos dijeron que si pagábamos 290 euros nos encontrarían un piso en A Coruña, y nada»
- Los cinco locales de A Coruña que puedes reservar gratis para celebraciones privadas