Henrique Monteagudo asume a presidencia da RAG co idioma como prioridade

O novo cabeza da Real Academia Galega toma o relevo de Víctor Freixanes entre o «novo pulo» e a «continuidade» e cunha chamada a un «pacto social» con novas medidas en prol da lingua

Henrique Monteagudo, no centro, acompañado por outros académicos da RAG. |  Casteleiro/R.A.

Henrique Monteagudo, no centro, acompañado por outros académicos da RAG. | Casteleiro/R.A.

A Coruña

A Real Academia Galega ten, dende onte, novo presidente. É o catedrático Henrique Monteagudo, que foi elixido polo pleno da institución con 23 votos a favor e dous en branco. Xunto ao que xa é o décimo cuarto presidente chegan á dirección do organismo Ana Boullón Agrelo como secretaria, María López-Sández na tesourería, María Dolores Sánchez Palomino no rol de arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario. As súas primeiras palabras tras asumir o relevo de Víctor Freixanes —a súa foi a única candidatura presentada, avalada, entre outros, polo presidente saínte— foron, como non, para a situación do idioma e o descenso de falantes.

«A nosa grande preocupación é a situación do idioma. A Academia ten poucos recursos materiais, pero dende o noso importante capital simbólico reclamamos medidas de política lingüística e novas maneiras de afrontar ese problema», aseverou Monteagudo na súa primeira comparecencia como presidente dende o Concello da Coruña.

Monteagudo cualificou as medidas en prol da lingua tomadas ata o momento por parte das institucións como «ineficaces», cando non «lesivas» para o idioma. Neste sentido, o novo presidente, que avanzou que a súa etapa descorrerá entre a «continuidade» do proxecto de Víctor Freixanes, que capitaneou a institución oito anos, e o «novo pulo» da directiva que estrea os cargos, reclamou un «pacto social polo galego» que supere pugnas partidistas e involucre «aos que usan o galego e aos que non, porque a lingua é de todos».

Tamén avanzou a creación nunha nova Fundación Pro Academia para facer fronte á «precariedade de medios» do organismo e insistir na cuestión do financiamento a Xunta e Estado, e tamén para «apelar á cidadanía e á empresa privada» sobre a necesidade destes medios . En materia propositiva, o novo presidente fixo fincapé na importancia de seguir «moi en contacto coa sociedade», especialmente coas iniciativas que parten da mocidade. «Temos que sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de gardar, arroupar e lanzar para adiante a lingua».

Monteagudo eloxiou a «receptividade social» e a «extraordinaria acollida» coa que a cidadanía acolle as iniciativas da Real Academia Galega, especialmente, no caso das Letras Galegas, e fixo público o seu compromiso de chegar á xente nova «recorrendo a novos medios» e linguaxes, tales como as redes sociais.

A nova comisión executiva farase cargo da reinstalación da Academia na sede da rúa Tabernas, unha vez conclúa a súa rehabilitación integral, que se prevé para o último trimestre do ano. O presidente confía en que o regreso ás súas instalacións no centro histórico da Coruña contribúa a lle dar un novo impulso á corporación. En clave organizativa, proporá a creación dunha comisión do pleno que estude a reforma dos estatutos e do regulamento de réxime interno da Academia co propósito de axilizar o seu funcionamento e ampliar a súa implantación, avanzan dende a institución.

Tracking Pixel Contents