A Deputación crea o premio Luis Seoane de deseño

Recoñecerá a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades cuxos traballos sexan relevantes

A Coruña

O departamento de Cultura de Deputación da Coruña anunciou a creación do premio Luis Seoane de deseño, que recoñecerá as traxectorias, de máis de dez anos, de persoas, colectivos ou entidades cuxos traballos sexan relevantes nas especialidades do deseño gráfico e comunicación visual, deseño dixital, deseño de procesos de organización, deseño industrial e de produto, deseño de espazos e deseño de moda.

Establécese un único premio de 6.500 euros e o prazo para presentar candidaturas —de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (Subtel)— rematará ás 14.00 horas do 19 de maio.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidirá o xurado, que estará formado por unha persoa que pertenza ao ámbito do ensino do deseño, tres profesionais en exercicio de diferentes especialidades —gráfico, de produto, dixital, de moda, etc.— e unha persoa do ámbito empresarial ou cultural, especialmente relacionado cos campos do deseño, a arte e a comunicación.

«Con este novo premio, que incorporamos ao xa imprescindible catálogo de certames convocados polo departamento de Cultura da Deputación», explica González, «queremos non só homenaxear a figura irrepetible de Luis Seoane, creador total, visionario e pioneiro do deseño gráfico en Galicia, cuxa obra e legado é fundamental para entender a modernidade estética no noso país».

Tracking Pixel Contents