Bernárdez ingresa na Academia de Belas Artes como «imprescindible»

Santiago

Carlos L. Bernárdez é xa dende onte académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba). O historiador, comisario de exposicións e colaborador de Faro de Vigo, do mesmo grupo editorial que este xornal, ingresou co discurso Un contexto para a arte galega de entreguerras, que foi respondido pola artista Mónica Alonso, que dixo de Bernárdez que se ten convertido nunha figura «imprescindible». Antes das súas intervencións, Manuel Quintana Martelo, presidente da Academia, solicitou crear o Museo de Arte Galega. Este acubillaría as coleccións de arte públicas e privadas da Comunidade. Como arranque do seu discurso, López Bernárdez tivo unha lembranza para os seus pais. Tamén tivo parada na detención do pintor Maside —socialista e galeguista que realizaba obras de forte carga política— a finais do ano 1930 en Madrid. O creador galego foi acusado de apoiar o manifesto antimonárquico do 15 de decembro do devandito ano, vencellado coa sublevación militar republicana de Jaca. Lembrou como Maside e outros autores como Manuel Torres, Arturo Souto, Laxeiro, Colmeiro, Virxilio Blanco, Camilo Díaz Baliño, Cándido Fernández Mazas, Luís Huici, Francisco Miguel, Seoane ou Xosé Eiroa conformaron o movemento Os Novos, do que destacou que foi o movemento renovador da arte galega que se valeu «da linguaxe da modernidade, adquiriron influencias das correntes europeas modernizadoras.

Tracking Pixel Contents