IES RAFAEL DIESTE » Debuxo 3º e 4º da ESO

Un camiño con estética «manga» para imaxinar

Unha obra vibrante e chea de creatividade!

Shannon González Fernández, alumna de 4º da ESO no IES Rafael Dieste, gañadora en Debuxo.

Shannon González Fernández, alumna de 4º da ESO no IES Rafael Dieste, gañadora en Debuxo. / Alba Villar

B. C.

Día 1 podería ser perfectamente a primeira páxina dun cómic manga sobre o Camiño. Con estética anime, Shannon González Fernández, alumna de 4º da ESO no IES Rafael Dieste, crea un pequeno relato visual inspirado no primeiro día do percorrido. 

A ilustración divídese en dúas viñetas. Na parte superior, o «episodio cero»: catro rapazas entusiastas, con lentes de sol, cámaras e moita enerxía, planean a súa viaxe soñada a Santiago. Falan de fotos, da catedral, e están listas para todo. Na parte inferior, o Día 1 real: camiño de terra, sol, campos de trigo, unha peregrina xa deitada no chan e un gato que pasa indiferente. Os diálogos curtos e expresivos completan a historia co ton típico dun cómic xaponés.

'Día 1', DEBUXO DE  Shannon González.

'Día 1', DEBUXO DE Shannon González. / FdV

Sobre o proceso creativo, Isabel López Viñuela, profesora responsable da sección de debuxo do IES Rafael Dieste, explica: «Decidiu investigar sobre o Camiño e imaxinalo». A propia Shannon comenta: «Imaginei un grupo de amigas que emprendían o Camiño como unha nova experiencia. O meu debuxo representa o primeiro día, pero tamén a idea de que o Camiño, igual ca vida, é unha viaxe e non unha carreira».

Unha soa imaxe, múltiples ideas

A obra destaca pola súa capacidade de narrar cunha soa imaxe, utilizando códigos visuais propios do manga: ollos grandes e expresivos, poses, peiteados e mesmo o uso de globos de texto. O resultado é unha escena que conecta perfectamente coa cultura xuvenil e coa experiencia compartida do Camiño: a diferenza entre o que imaxinas e o que realmente che espera.

Tracking Pixel Contents