O camiño como aula viva: aprender facendo, xuntos e «paso a paso»

»A Gala da IV Edición de Escola en Camiño celebrada na estación marítima de Vigo graduou a 500 novos embaixadores da experiencia xacobea, con 28 galardóns entre 5.000 traballos presentados

Foto de familia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos máis de 500 asistentes á gala da IV Edición de  Escola en Camiño

Foto de familia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos máis de 500 asistentes á gala da IV Edición de Escola en Camiño / Alba Villar

B.C

Erguendo as gorras do Camiño a modo de birretes, 500 escolares graduáronse este mércores con honras como inmellorables embaixadores da experiencia xacobea durante a gala da IV edición de Escola en Camiño, o certame escolar organizado por Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión A Coruña, as tres cabeceiras de Prensa Ibérica en Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover os valores do Camiño entre os centros escolares autonómicos.

O proxecto celebrou o seu gran encontro anual coa comunidade educativa na Estación Marítima de Vigo nun acto conducido pola xornalista Alba Chao, que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a delegada da Xunta, Ana Ortiz; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o director de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa Montenegro; o director xeral e director comercial de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos da Silva e Pedro Costa, respectivamente; e a subdirectora de FARO, Irene Bascoy.

Cinco mil traballos presentados e un total de 28 premios son as cifras que deixa esta nova gran cita co futuro da peregrinación, que un ano máis volveu bater récords de participación e non deixou lugar a dúbida: aquí hai canteira e menudo talento ten!  

Non faltaron, entre os traballos vencedores do certame, os datos máis curiosos da historia da peregrinación, unha catedral construída a base de persoas; enxeñosas metáforas das pegadas que todos deixamos no Camiño e das marcas que el deixa en todos nós. Por suposto: tampouco a diversidade, a accesibilidade e a inclusión pois todos merecemos cumprir o noso soño de chegar a Compostela. 

O rei de Asturias, o sacerdote do Cebreiro Elías Valiña e mesmo Almanzor foron tamén protagonistas desta viaxe educativa que nos levou da ruta francesa á da vía da Prata, sen esquecer a portuguesa; e de aí, mesmo ás estrelas. Tras tanto camiñar, toca encher o bandullo: cocido, polbo e tarta de Santiago! Pois de Novoneyra a Lorca, xa se sabe: «Cara abaixo moi aprisa»; pero «cara arriba» cambia o conto: é mellor ir «pouco a pouco»!

Calquera que teña experimentado os valores xacobeos sabe que non hai aula viva no mundo como a do Camiño. Pode que por iso non haxa mellores embaixadores para contalo que os ollos espertos e curiosos dos nosos estudantes, tal e como demostra a calidade dos nada máis e nada menos que 28 traballos galardoados na IV edición de Escola en Camiño, un proxecto transversal que motiva aos rapaces, conecta todas as materias e serve para desenvolver competencias clave. 

Merecidos parabéns
a todos!

Merecidos parabéns polo entusiasmo e o traballo ben feito ao CPR Sagrada Familia de Aldán, Colegio Vigo de Redondela, CPR Virxe Milagrosa de Bueu e IES Nº1 Carballiño, gañadores en audiovisual; e aos IES de Beade de Vigo (1º ESO) e Rafael Dieste de A Coruña (4º ESO e 1º Bacharelato), destacados en literatura. 

Por suposto tamén aos dezaseis artistas que abraiaron ao xurado do certame en debuxo. Eles son: CEIP Pintor Laxeiro; CPR Hermanos Quiroga e Compañía de María de Cangas (1º e 2º de EP); Colegio Montecastelo de Vigo; Colegio Las Acacias de Vigo e CPR María Inmaculada de Marín (3º e 4º EP); Sagrado Corazón de Pontevedra, CEIP de Arteixo e SEI San Narciso de Marín (5º e 6º EP); IES de Beade de Vigo, IES Lamas de Abade, Johan Carballeira e IES Ribeira do Louro (1º e 2º ESO); IES de Beade, IES Rafael Dieste e IES Agra de Leborís (3º e 4º ESO).

E finalmente, como non podía ser doutro xeito, tamén a nosa máis sincera noraboa aos cinco premios nas categorias especiais. Ao IES Ribeira do Louro e ao CEP Altamira, por sendos premios especiais «Accesibilidade»; ao CEE Saladino Cortizo, co premio «Educación Especial»; ao CEP Altamira, co premio especial «Camiño lúdico»; e, ao IES de Beade, distinguido en «Infografía do Camiño».

Tracking Pixel Contents