«Aínda hai unha sensación puritana coa sexualidade»

‘Curmán’, a curta que gañou catro premios no último Festival de Cans, xa prepara a maleta para un festival en México e Río de Janeiro. É a primeira obra como director de Alejandro Jato

Uxía Otero, Machi Salgado e Alba Blanco (e-d). De pé, o director Alejandro Jato. |  Sabela Eiriz

Uxía Otero, Machi Salgado e Alba Blanco (e-d). De pé, o director Alejandro Jato. | Sabela Eiriz

mar mato

Vigo

O neno Antón ten medo de ir ao inferno. Acontécelle xusto no «día máis importante da súa vida» —como lle din os maiores— o día no que celebra a primeira comuñón na casa dos seus avós. É o eixo da curta Curmán, de Alejandro Jato, actor que se puxo a dirixir por primeira vez. Falamos con el.

É un retazo autobiográfico?

Ten algunhas cousas que teñen que ver comigo, con como vivía eu as cousas de pequeno pero non é exactamente autobiográfico. Temporalmente, a historia está situada no 2002 que era cando tiña eu once anos.

Como viviu o Festival de Cans?

Estiven alí con parte do equipo. Desde a mañá foi moi emocionante. O regalo foi estrear a curta alí. Era a primeira vez que vin a curta rodeado da xente. Puiden sentir as súas sensacións. Gústame que o cinema chegue á xente real e non só a académica.

Tiña claro desde o principio o elenco?

Tiña claro que quería contar con Melania Cruz, con Denís Gómez, con Machi Salgado ou Susana Sampedro. Coñézoos e como actor traballei con moitos deles. Sabía que podían entender a historia. En canto aos nenos, foi casual. O protagonista é Xurxo Cuquejo, sobriño do actor Santi Cuquejo que é amigo. Un día viaxando dende Madrid escoitei nun audio ao seu sobriño, pregunteille se querería participar e vin que en cámara daba o que buscabamos. O outro rapaz recomendoumo a directora Lucía Estévez. Conviviron todos unha semana xuntos na casa onde rodamos.

Onde se atopa a casa onde gravaron?

É a casa da miña avoa, está preto de Panxón, no Concello de Nigrán (Pontevedra). Rodamos todo alí. Conviviron unha semana alí chamándose cos nomes da curta e tendo a familia da curta como se fose súa para dar sensación de verdade.

Un personaxe feminino fálalle ao neno de que «a sexualidade é unha das cousas máis bonitas da vida, se non a mellor».

Esa muller representa a idea da tentación, do hedonismo. Representa o pecado e a liberdade ademais da valentía. Eu tiña unha tía que representaba algo máis aberto e liberal. É un personaxe onírico e mesmo místico.

O medo ao inferno do neno xa non está tan presente hoxe.

Inda que sexamos un estado aparentemente laico si que temos unha herdanza católica que está aí. Hai algo da sensación puritana e da relación coa sexualidade que é un tabú. A culpa cristiá ten que ver cunha herdanza. A educación católica nas conciencias segue nalgún lugar presente á hora de entender a sexualidade e outros tipos de identidades sexuais.

Con que proxectos anda?

Molaríame volver a dirixir pero sen présa. Como actor, pronto se estrea La tregua, de Miguel Ángel Vivas, na que actuei e que presenta unha historia sobre un campo de concentración soviético.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents