Entrevista | Sergio Fontegher
«As forzas de extrema dereita están chegando ao seu tope. Hai esperanza»

Sergio Fontegher, na biblioteca da Facultade de Dereito. | Germán Barreiros/Roller Agencia
O profesor e escritor italiano Sergio Fontegher, autor do libro Nazismo e clase obreira 1933-1993, clausurou o 21 de maio a terceira edición do curso de especialización en Dereito Marítimo-Pesqueiro do Traballo e da Seguridade Social, organizado pola Universidade da Coruña e o Consello Galego de Relacións Laborais, cunha charla sobre As empresas multinacionais do mar e este venres inaugurou coa charla Nazismo, fascismo e clase obreira, o Seminario Internacional Pola Paz, Dereitos, Traballo e Soberanía, organizado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) ao que asistiron corenta delegacións de organizacións sindicais de todo o mundo, e que é previo ao IX Congreso Confederal da CIG, que se desenvolveu o pasado sábado, 24 maio.
O pensamento máis estendido é que a clase traballadora apoiou a Hitler e que non houbo unha grande oposición, co auxe da extrema dereita actual, ve similitudes con aquel tempo?
O libro Nazismo e clase obreira 1933-1993 pertence a unha corrente revisionista dos anos 80 e 90. Estamos coa idea a priori de que o nazismo foi levado ao poder moito pola clase obreira, pero o que fixen foi unha consulta moi ampla de prensa local para chegar á conclusión de que, contrariamente ao que se pensaba, houbo unha gran resistencia. A situación actual non ten nada que ver coa anterior, porque non hai movemento obreiro. A gran crise de valores e a vitoria aplastante da extrema dereita é polo fracaso absoluto da esquerda e a súa renuncia a defender os máis mínimos valores e polo abandono da xustiza social. Hai unha sensación de traizón dos partidos de esquerda por parte dos seu votantes.
En que sentido?
En Italia están os salarios máis baixos de toda Europa e iso só pode darse por un fracaso da clase política e sindical. É paradoxal, pero o número de afiliados aos sindicatos é maior que nunca, pero a súa capacidade de confrontación co patrón é practicamente nula. O sindicato máis importante tivo nun ano 450.000 altas, sobre todo, de menores de 35 anos. É un raio de esperanza para que a xuventude volva.
Está capitalizando a extrema dereita o desencanto da clase obreira cos partidos de esquerda?
En Italia non é tanto a extrema dereita como a figura de Giorgia Meloni, ela é moi intelixente e fai cousas sensatas, como que non quere mandar tropas a Ucraína, cando hai eurodeputados da esquerda que din que a guerra debe continuar. Iso fai que votantes de esquerdas a respalden.
Que sería necesario neste momento para que a extrema dereita deixase de medrar e a esquerda de desencantar?
Unha política sindical máis radical, menos funcionarial ou burocrática, como a que fan agora os sindicatos, que se encargan de facerche o contrato de alugueiro ou de cousas así. En Italia hai un magma de conflitividade endémico. Hai tres sindicatos moi fortes, pero tamén outras organizacións máis pequenas que son moi activas e que loitan a diario. Sería preciso que as súas actuacións fosen máis coordinadas e escalasen e que a clase política as tivese en conta, por exemplo, nunha mesa de negociación, demostrando que os sindicatos son fortes.
As forzas de extrema dereita, vistos os resultados que se están a dar nas eleccións en Europa, están aínda en ascenso ou chegaron xa ao seu cumio?
Penso que estamos nun momento no que, visto en conxunto, estamos xa a chegar ao tope do alcance destas forzas. Hai xa manifestacións moi fortes contra Trump en América, aínda que aquí non nos chega esa información. Hai esperanza, pero a información é moi importante para saber o que está a suceder. Perdeuse moito o intercambio de información entre a esquerda, hai que reconstruír os medios e niso, con humildade, estou eu tamén porque é moi importante saber que hai cousas que se están movendo e que están a pasar.
Suscríbete para seguir leyendo
- La grave enfermedad que pasa desapercibida y crece cada vez más: 'Me decían que no tenía nada y llegué a pensar que era cáncer
- Bouldini se apunta al nuevo proyecto del Dépor
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso
- Un muerto y dos heridos, uno de ellos grave, tras una colisión lateral en Oza Cesuras
- Una migrante argentina que ahora vive en Galicia elogia esta característica tan propia de los gallegos: 'Estuve en muchas partes de España y...
- Reencuentro romántico en Pasapalabra: 'Fuimos novios
- Este restaurante de carretera se está popularizando en la provincia de A Coruña por su churrasco a la brasa
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años