Morre o músico e compositor Emilio Cao aos 72 anos

Recuperou a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde a Idade Media e ao que se enfontrou de maneira autodidacta

Emilio Cao, en una imagen de archivo.

Emilio Cao, en una imagen de archivo. / FDV

ECG

Santiago

O músico e compositor Emilio Cao, unha “figura clave na apertura da música galega no ámbito internacional”, faleceu este domingo aos 72 anos no Hospital Clínico de Santiago. Recoñecido por recuperar o arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo e ao que se enfrontou de maneira autodidacta, hai xusto un ano recibiu o galardón de honra nos Premios Martín Códax da Música 2024, que se entregaron nunha gala no Pazo da Cultura de Pontevedra.

"Queremos render homenaxe a un artista pioneiro sen o que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas”, afirmaba a asociación Músicos ao Vivo, promotora destes premios galegos da música, sobre un artista que comezou a súa traxectoria musical nos inicios da década dos 70.

Referente

Como bo compostelán, o Camiño de Santiago foi para Emilio Cao unha pasarela para saír a coñecer a música europea nos anos da ditadura e, ao seu regreso, trouxo con el os sons da música celta converténdose nun referente da escena galega con só vinte e catro anos.

Fonte do Araño foi, en 1977, o seu primeiro disco, que supuxo a apertura da música galega ás músicas do mundo e no que confluían a música tradicional, a improvisación e o pop-rock.

Na súa discografía seguiríanlle A Lenda da Pedra (1979), No manto da auga (1981), Amiga Alba e Delgada (1986), Cartas Mariñas (1992) e Sinbad en Galicia (1996), traballos que compaxinou coa súa colaboración como baixista e guitarrista coa banda N.H.U.

Será incinerado este martes

O corpo do artista galego está no tanatorio do Hospital Clínico e será incinerado este martes, ás 11.00 horas, na intimidade familiar e sen actos fúnebres.

Tracking Pixel Contents